Organizada pola concellería de Muller, quere dar visibilidade e destacar a importancia do labor das mulleres que “fan Lugo e axudan a enriquecer a sociedade desde o rural”.
Na andaina, que comezará ás 11.30 horas, colaboran a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais e o colectivo A Casiña de Esperante. Rematará cun aperitivo saudable.

O executivo de Lara Méndez, a través da Concellería de Muller e Igualdade, celebrará o Día Mundial da Muller Rural, que se conmemora cada ano o 15 de outubro desde o 2007, cando a Organización das Nacións Unidas o estableceu co obxectivo de recoñecer á muller rural pola súa contribución no desenvolvemento rural e agrícola, a erradicación da pobreza e a mellora na seguridade alimentaria.
A rexedora de Lugo anima á veciñanza a participar na programación organizada pola área que dirixe a edil Silvia Alonso, “unha data moi importante para enxalzar o papel imprescindible das mulleres rurais no desenvolvemento social e económico de Lugo, tendo en conta que o noso rural o comprenden 54 parroquias e ocupa o 80% do noso territorio”.
O programa inclúe unha andaina pola ruta do Vello Lugo Agrario, un itinerario circular de 4,9 quilómetros, de dificultade baixa, que transcorre por unha paisaxe natural de gran beleza. Terá lugar o sábado 16 de outubro ás 11.30 horas.
O punto de encontro será ao carón da Igrexa de Santalla de Bóveda e a participación é aberta e gratuíta. Ao rematar esta ruta, na que colaboran Fademur, Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, e a Asociación de Mulleres A Casiña de Esperante, haberá un aperitivo saudable.