Lara Méndez convida á cidadanía a participar na programación de actos con motivo da finalización das obras de mellora no barrio do Carme

Estas actuacións enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo.

Os traballos contaron cun orzamento de 204.248 euros incluíron a recuperación de camiños, muros e elementos singulares e a instalación de varandas, mobiliario urbano e iluminación respectuosa co entorno.

Luns, 09 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez convida á cidadanía a participar na programación de actos con motivo da finalización das obras de mellora no barrio do Carme

O Barrio do Carme acollerá no día de mañá unha programación de actos para a veciñanza con motivo da finalización das obras de mellora e humanización do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX no barrio do Carme, “unha finalización de obras de mellora que merece a pena ser celebrada” destacaba alcaldesa de Lugo ao tempo que convida aos veciños e veciñas a achegarse o martes 10 de agosto ás 18.30h a gozar dunha programación de actividades culturais, artísticos e sociais para todas as idades.

O Goberno de Lara Méndez, elaborou unha ampla e variada axenda de actividades ao aire libre e para tódalas idades que se desenvolverán durante a tarde do martes 10 de agosto. A xornada dará comezo cun percorrido guiado por Guido Guía, que partirá ás 18.30h dende a Praciña do Carme (fronte Portamiñá), e transcurrirá a través do Camiño Primitivo e a Vía XIX e onde todos os asistentes poderán ver e coñecer as diferentes actuacións de recuperación de camiños, muros e elementos singulares así como a instalación de varandas, de mobiliario urbano e dun sistema de iluminación mediante balizas, na contorna.

Ao final do percorrido guiado, os asistentes poderán disfrutar dunha exposición “creada para a ocasión, que incorpora información de interese das diferentes actuacións, todas elas enmarcadas na estratexia DUSI Muramiñae a través de paneis informativos” explicaba a rexedora. Na mesma ubicación todos os veciños e veciñas de Lugo estarán convidados a unha merenda saudable, en formato picnic ao tempo que gozarán de música en directo da man de Sara Nebra, cantautora lucense que experimenta coa música popular galega e a modernidade da electrónica.

Estas actuacións enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo, cuxa finalidade é integrar o Miño na cidade a través do Carme e facer así unha cidade máis verde, máis sostible e máis integradora. A rexedora aproveitou a ocasión para lembrar que “a través do DUSI xa levamos a cabo a melloras da calidade ambiental deste barrio, tales como a eliminación da contaminación acuática, a degradación paisaxística e os malos olores e agora damos un paso máis, cunha actuación que xa é unha realidade e suporá un antes e un despois para unha das zonas protexidas e de maior riqueza natural da nosa cidade”.

Actividades con motivo da finalización das obras de mellora e humanización do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX no barrio do Carme:

  • Visita guiada da man de Guido Guia
  • Exposición estratexia DUSI Muramiñae
  • Merenda saudable e concerto, a cargo de Sara Nebra

Noticias relacionadas