Lara Méndez clausura o programa municipal contra a violencia de xénero no que participaron máis dun millar de alumnos

A Alcaldesa de Lugo destacou a importancia destas accións “para educar a mocidade en igualdade e libres de estereotipos de xénero”.

A área de Muller do Concello de Lugo traballa para favorecer a construción dunha identidade non sexista e non violenta e a construción de relacións igualitarias.

Venres, 18 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez clausura o programa municipal contra a violencia de xénero no que participaron máis dun millar de alumnos

A Alcaldesa de Lugo participou hoxe na clausura do Programa Socioeducativo de prevención da violencia de xénero impulsado pola Casa da Muller, da concellería de Igualdade, que traballa coa mocidade para “para atallar os problemas da violencia machista a través da educación, para que a mocidade se conciencia nos valores da igualdade e libres de estereotipos de xénero”, apuntou Lara Méndez.

Durante a xornada, a rexedora estivo acompañada pola Concelleira, Silvia Alonso, a directiva do centro, e o alumnado do centro.

Este programa foi deseñado coa finalidade de achegar á poboación adolescente ferramentas que axuden a potenciar o seu pensamento crítico e reflexivo ante as desigualdades de xénero e, de forma máis concreta, ante as diversas situacións de violencia machista e as súas consecuencias. O Concello de Lugo impulsa estas accións desde o 2016.

As sesións realizáronse de forma adaptada e especializada, en distintos niveis educativos: 1º, 2º, 3º e 4º da ESO e de FP. Nesta edición participaron máis dun millar de alumnos e alumnas dos CIFP As Mercedes, IES Lucus Augusti, CIFP Politécnico Lugo, IES Leiras Pulpeiro, IES San Xillao e IES Muralla Romana.

A rexedora destacou a importancia de “traballar na prevención e a identificación da violencia de xénero, desde edades temperás, especialmente aquela de baixa intensidade, así como visibilizar os colectivos de mulleres en situación de maior vulnerabilidade”.

Obxectivos do programa

Os contidos das sesións de traballo responderán de forma específica ás necesidades observadas en cada grupo, e abranguerán algúns dos seguintes contidos:

• Identidade non sexista. Sexismo interiorizado
• Diversidade sexual e de xéneros
• Masculinidades e feminidades
• Identificación e prevención da violencia de xénero. A ciberviolencia
• Desmitificación dos mitos e prexuízos que xustifican a violencia de xénero.
• amor romántico. Mitos do amor romántico.
• Resolución de conflitos. Relacións saudables e intelixencia emocional

 

Noticias relacionadas