A alcaldesa de Lugo subliñou a “necesidade de priorizar e, este ano máis ca nunca, as compras nos establecementos de proximidade”.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, o deputado provincial, Pablo Rivera e a presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Marta López – organizadora da iniciativa - visitaron esta mañá os postos da XVI edición do Comercio na Rúa Street Market, no que participan comercios da cidade que ofrecen descontos en artigos de todos os sectores ao longo deste venres, de xeito ininterrompido.
Durante o percorrido polos postos do Casco Histórico, Lara Méndez subliñou que “este ano, máis ca nunca, debemos priorizar as compras nos establecementos de proximidade co propósito de paliar as dificultades que pasaron os negocios locais, agravadas pola pandemia”. A rexedora lembrou, así mesmo, que as pequenas empresas, “o pequeno comercio, non só contribúen a xerar riqueza no municipio, senón que tamén manteñen un elevado número de postos de traballo, polo que mercar neles redunda no beneficio de toda a cidadanía”.