Lara Méndez anuncia o inicio inmediato da transformación dos tres estacionamentos públicos soterrados para acadar o 3x2

A Xunta de Goberno autorizou hoxe a modificación do contrato para adaptar as dimensións das prazas aos estándares actuais.

A concesión das instalacións sitas nas Prazas da Constitución, Ferrol e Santo Domingo, que data de 1986, se manterá até o 26 de maio de 2036 en contraprestación á supresión de 171 prazas.

Mércores, 16 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia o inicio inmediato da transformación dos tres estacionamentos públicos soterrados para acadar o 3x2

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou esta mañá que a transformación dos estacionamentos públicos soterrados da cidade, o coñecido como 3x2, “dará comenzo de forma inmediata e progresiva, empezando polo da Praza de Ferrol. O obxectivo é adaptar o tamaño dos estacionamentos aos estándares urbanísticos actuais que recolle o PXOM, atendendo así a unha demanda social na que dende o executivo local levamos anos traballando”, asegurou.

A rexedora deu conta de que a Xunta de Goberno autorizou hoxe a modificación do contrato da concesión administrativa pola que se rexe a explotación dos parkings soterrados sitos nas prazas de santo Domingo, Ferrol e da Constitución.

“Un cambio que fará posible o incremento das dimensións das prazas de aparcamento en cada unha destas instalacións, acondicionándoas coa solución técnica máis acaída para cada un dos recintos”, explicou Lara Méndez.

“Con esta medida o que pretendemos é facer dúas prazas no espazo de tres, de maneira que mellore a accesibilidade aos estacionamento e, polo tanto, a comodidade das persoas usuarias. Será un gran paso, ademais, para facilitar as compras no casco histórico e na súa contorna e dinamizar o sector comercial e hostaleiro”, afirmou a alcaldesa.

A rexedora lembrou que a adxudicación data do ano 1986. “É dicir, ten unha antigüidade superior ás dúas décadas nas que o parque móbil foi mudando e os vehículos utilitarios cambiando as súas dimensións o que confronta co modelo urbanístico da época e nos obriga a ponderar as condicións da concesión para adecualas á realidade actual”, sinalou.

Nestes momentos, as prazas dos tres aparcadoiros ascenden a 690, 241 en Santo Domingo, 205 na Constitución e 244 na Praza de Ferrol e, coa reorganización, Interparking calcula que se perderán 171, un terzo das mesmas (61 en Santo Domingo, 42 na Constitución e 68 en Ferrol), o que conlevará unha diminución do seu valor patrimonial.

Tendo en conta que esta transformación suporá, inicialmente, unha merma dos ingresos que percibe a adxudicataria, a Administración local optou por introducir no contrato unha serie de medidas encamiñadas a restablecer o equilibrio económico financeiro da concesión.

Entre elas, figura un ano adicional na concesión que, deste xeito, rematará o 26 de maio de 2036 e a inclusión destes estacionamentos no circuíto informativo municipal SMART da cidade, aos efectos de integrar a información relativa aos mesmos na aplicación en software dos paneis correspondentes.

“Esto nos permitirá coñecer os datos da totalidade dos aparcadoiros municipais, así como do número de prazas libres e facilitará información sobre como chegar ata elas directamente, evitando o tráfico ocioso e diminuíndo os niveis de contaminación, en consonancia co noso modelo de mobilidade sostible”, sostivo Lara Méndez.

A rexedora explicou que, pola súa parte, empresa e Concello iniciará os trámites  e se coordinarán para proceder á instalación dunha sinalización dos estacionamentos, “procurando sempre un equilibrio racional entre a información ofrecida e a mínima contaminación por excesiva sinalización non imprescindible, ao tempo que lle daremos impulso a proxecto para habilitar o dobre sentido na rúa de acceso ao aparcadoiro da praza do Ferrol - a medio prazo e sempre dentro das previsións e dispoñibilidades orzamentarias – ao abeiro das actuacións de redución do tráfico rodado que estamos a implantar no Casco Histórico”, asegurou Méndez.

Outros asuntos da Xunta de Goberno

Por outra banda, na sesión desta semana o executivo local outorgou tres licenzas urbanísticas, que conxuntamente alcalzan un investimento próximo aos 600.000 euros.

Son as validadas para reformar unha nave destinada a taller, exposición e venda de automóbiles na Estrada de Santiago, para reestruturar un edificio na rúa San Pedro e para rehabilitar un alpendre en Ombreiro.

Noticias relacionadas