Lara Méndez anuncia a aprobación inicial da RPT “cumprindo un dos principais obxectivos do mandato para este ano, co que se mellorará a organización interna e o servizo público ao administrado”

A alcaldesa sostén que se beneficiará a veciñanza, pero tamén os traballadores públicos, que cos recortes e as taxas de reposición impostas, viron como foi crecendo a carga de traballo a un ritmo moito maior que o cadro de persoal”.
O novo documento suporá un aumento salarial para os traballadores atendendo a valoracións obxectivas dos complementos de destino e específico.

Venres, 27 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia a aprobación inicial da RPT “cumprindo un dos principais obxectivos do mandato para este ano, co que se mellorará a organización interna e o servizo público ao administrado”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciaba esta mañá a aprobación inicial da nova Relación de Postos de Traballo nunha Xunta de Goberno Local Extraordinaria convocada ao efecto. “Un dos instrumentos principais que permitirá que o Concello de Lugo modernice a súa administración cunha ordenación racional dos seus efectivos de persoal en consonancia coas necesidades reais dos servizos”, destacou.

Acompañada da edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, a rexedora indicou que “a nova RPT, que foi avalada por unanimidade por todos os sindicatos do Concello tras introducir nela as propostas das mesas negociadoras, vén de dar hoxe un novo paso para a súa aprobación inicial coa presentación dos informes dos informes xurídicos, de intervención xeral e da vicesecretaría. Un avance que permitirá agora que o documento salga a exposición pública para que os traballadores que o consideren poidan presentar as súas alegacións”.

Segundo Lara Méndez, “acabar o 2019 coa aprobación desta RPT significa que cumprimos un dos obxectivos máis importantes que nos fixamos para este ano no inicio do novo mandato. Unha folla de ruta que establecín co equipo de Goberno desde o primeiro minuto porque era urxente dotar dunha mellor organización os recursos humanos do Concello e adaptar os postos de traballo ás funcións que esixe a actual administración pública”.

A alcaldesa sinalou que “os principais beneficiarios serán, sen ningunha dúbida, os veciños e veciñas de Lugo, xa que este paso permitirá atender de xeito máis áxil, eficaz e eficiente as distintas áreas, departamentos e servizos, pero tamén a práctica totalidade dos empregados públicos, que, cos recortes e as taxas de reposición impostas, viron como foi crecendo a carga de traballo a un ritmo moito maior que o cadro de persoal, e con soldos que están por debaixo da media dos grandes concellos galegos”.

“É unha aprobación histórica – subliñou - porque partimos da primeira RPT que se basea nun análise obxectivo e individualizado de cada posto de traballo xa que incluso a última Relación de Postos de Traballo, do ano 2006, naceu con esa carencia”.

Lara Méndez referiu que o documento do 2006 quedara obsoleto e o novo, que será un punto de partida como texto organizativo porque irá evolucionando e adaptándose cada ano, facilitará a ordenación das políticas de persoal, a asunción de funcións propias por parte dos traballadores, reducindo en moito a recorrencia da acumulación de tarefas ao tempo que permitirá desenvolver previsións de futuro.

“Como é sabido temos un cadro de persoal cunha media de idade de 55 anos, o que permite anticipar un horizonte de moitas e moi seguidas xubilacións. A situación demanda que se articulen, a curto e medio prazo, medidas precisas en orde a amortecer as  previsibles consecuencias. Para o que contemplamos darlle un impulso á tecnificación e cualificación do cadro de persoal mediante a incorporación de persoal técnico, imprescindible para a mellora da prestación dos servizos municipais”.

A rexedora debullou que a nova RPT permitirá, asemade, propiciar un incremento dos cadros nas escalas, subescalas e categorías profesionais correspondentes ao persoal técnico titulado, nos departamentos onde sexa necesario.

“Esta medida xustifícase porque na actualidade xa existe persoal cualificado pola súa titulación que, pese a ocupar postos de tipo administrativo e inclusive auxiliar, no día a día asume máis e maiores responsabilidades. Igualmente, posibilitarase unha ampliación do número de prazas de postos de traballo xa existentes. Durante a última década a exigüidade das taxas de reposición de efectivos fixadas nas leis de orzamentos tivo como resultado que no cadro de persoal do Concello se incrementaran o número de vacantes, con unidades e servizos que a día de hoxe contan cun número de efectivos inferior ás necesidades reais. Estas coberturas e o incremento cando sexa preciso das dotacións de persoal serán priorizadas atendendo ás necesidades socias máis perentorias - enxalzou Méndez – sen perder de vista a inminente posta en marcha da administración electrónica, na que vimos traballando desde hai máis dun ano e que terá unha gran incidencia no traballo do día a día.

Subida salarial

A alcaldesa non quixo esquecer tampouco outras vertentes, fundamentais, desta nova RPT como son a creación de novos postos de traballo e a aplicación de políticas retributivas que permitirán establecer a medio prazo criterios comúns onde os postos de  iguais responsabilidade e co mesmo contido funcional e de condicións de traballo perciban as mesmas retribucións. 

“Esta restruturación, como se xustifica na memoria, non suporá un incremento de carácter lineal nos salarios de todos os traballadores, senón un aumento, produto dunha valoración obxectiva dos complementos de destino e específico, por un importe 970.217 euros. Nembargantes, esta subida salarial non suporá adoptar medidas de redución de gasto noutras partidas nin un aumento do capítulo I xa que supoñen cantidades xa incluídas no capítulo de persoal pero que non se estaban a executar,  e segundo o informe de Intervención emitido con motivo da aprobación inicial do orzamento para o ano 2020, este cumpre cos obxectivos recollidos na lei de estabilidade”, clarificou.

“Hoxe é un día que celebramos desde o equipo de Goberno porque é un importante punto de inicio encamiñado a modernización da nosa Administración e que a estamos a pór a altura das administracións máis eficientes”, concluíu Lara Méndez.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a aprobación inicial da RPT | Descargar mp3

Noticias relacionadas