Lara Méndez achega os ODS ao público infantil e ás familias lucenses este sábado a través da representación teatral O de que?

A iniciativa enmárcase na Axenda Urbana 2030. Haberá catro pases: pola mañá, detrás do Consistorio e na Milagrosa, e pola tarde, no Castiñeiro e Augas Férreas.

Lara Méndez: “É importante que os nenos e nenas desenvolvan unha actitude reflexiva sobre o mundo que os rodea e como poden axudar a melloralo”.

A obra, a cargo do grupo de teatro Atakama, será aberta, sen necesidade de inscrición previa, e totalmente gratuíta. Está indicada para nenos de 3 a 10 anos.

Xoves, 08 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez achega os ODS ao público infantil e ás familias lucenses este sábado a través da representación teatral O de que?

Dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) ao público infantil, a través dunha narración amena e divertida, ao mesmo tempo que se promove a toma de conciencia da poboación máis nova e das familias, ante os desafíos aos que se enfronta o planeta, é o dobre obxectivo que se marca o Goberno de Lara Méndez coa organización este sábado da obra teatral O de que?, unha iniciativa posta en marcha pola rexedora ao abeiro do Plan de Acción da Axenda Urbana 2030 de Lugo.

“Queremos achegar aos máis pequenos información sobre os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pois consideramos que é fundamental que desenvolvan unha actitude reflexiva sobre o mundo que os rodea e como poden axudar a melloralo, ao tempo que se incide en valores como a igualdade, a inclusión ou a solidaridade”, explicou Lara Méndez.

A representación, a cargo do grupo de teatro Atakama, será aberta sen necesidade de inscrición previa e totalmente gratuíta. Está especialmente indicada para nenos e nenas de 3 a 10 anos. Celebraranse catro pases de aproximadamente 50 minutos, en catro zonas diferentes da cidade: pola mañá, ás 11:00 horas, na Praza de Anxo Fernández Gómez; e ás 13:00 horas, na Praza da Milagrosa. Pola tarde, ás 17:00 horas na Praza do Castiñeiro; e ás 19:30 horas na Praza de Augas Férreas.

Argumento

Catalina e Miguelito son contadores de contos e de relatos- a súa misión é a de levar a ilusión e a fantasía a todos os lugares do planeta. Nesta ocasión encargaron a Catalina unha importante misión: narrar a importancia dos ODS –Obxectivos de Desenvolvemento Sostible– a todos os nenos e nenas que poidan.

Desta forma cada vez será máis a xente involucrada na loita dun planeta mellor. Catalina está disposta a conseguilo e para iso manda ao seu amigo Miguelito mensaxes en forma de conto para que el tamén aprenda e lle axude no labor. Pero Miguelito, personaxe un tanto despistado, non se leu os contos dos ODS para realizar un bo espectáculo.

O que nun principio parece un caos, convértese nunha narración clara e divertida dalgúns dos principais ODS, na que a participación e implicación do público será fundamental. Traballaranse temas como a reciclaxe, o medio ambiente, a igualdade de xénero, a paz, a fame ou a educación.

Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

En 2015, a ONU aprobou a Axenda 2030 sobre o Desenvolvemento Sostible, unha oportunidade para que os países e as súas sociedades emprendan un novo camiño co que mellorar a vida de todos, sen deixar a ninguén atrás. A Axenda conta con 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que inclúen desde a eliminación da pobreza ata o combate ao cambio climático, a educación, a igualdade da muller, a defensa do medio ambiente ou o deseño das cidades.

Multimedia

  • Lara Méndez achega os ODS ao público infantil e ás familias lucenses este sábado a través da representación teatral O de que?

Noticias relacionadas