Inauguradas en Lugo as xornadas de emprego, economía social e igualdade de oportunidades 'Transformando'

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As xornadas ‘transformando’ sobre emprego, economía social e igualdade de oportunidades inauguráronse este venres 23 na Facultade de Humanidades de Lugo organizadas polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC en colaboración con varias asociacións. As xornadas comezaron coa intervención da directora de Formación e Emprego da Fundación ONCE, Pepa Torres Martínez, que falou sobre a realidade sociolaboral das persoas con discapacidade en Galicia.

Deseguido, celebrouse o acto de inauguración ao que acudiron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; a concelleira da Área de Muller do consistorio lugués, Carmen Basadre Vázquez; a presidenta da Asociación Sociocultural de Formación do Emprego e da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural, Pilar Iglesias Osorio; e a presidenta do CERMI, Dolores Venancio Vilaboy.

Carlos Herrero aproveitou a ocasión para insistir en que iniciativas deste tipo xustifican o papel que a Universidade debe cumprir coa sociedade e precisou que esta pódese transformar precisamente aproveitando a formación. Pola súa banda, a presidenta do CERMI falou da coincidencia destas xornadas no Ano Europeo da Igualdade de Oportunidades, mentres que a concelleira Carmen Basadre recordou a importancia deste proxecto enmarcado na iniciativa Equal e Lugo-Social e no que colaboran 12 entidades da provincia.

A accesibilidade foi o tema da mesa redonda que se celebrou na quenda matinal e na que participaron representantes das entidades implicadas na organización destas xornadas. O programa previsto para a tarde contempla, entre outras actividades, o relatorio da profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal da USC, Uxía Garrido Filgueira, para dar paso a diversos talleres nos que expertos analizan aspectos relacionados coas barreiras para persoas con enfermidade mental, discapacidade sensorial e discapacidade psíquica.

As restantes xornadas desenvolveranse na Escola de Maxisterio os días 13 e 20 de abril, para rematar de novo en Humanidades o 4 de maio.

Noticias relacionadas