As I Xornadas de prevención de Drogodependencias pechan cun éxito de participación

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, presidiu esta mañá o acto de clausura das I Xornadas Lucenses de prevención de Drogodependencias, que se celebraron no Centro Social Uxío Novoneyra.

A edil destacou a importancia de desenvolver actividades como estas “nas que se abordan con rigurosidade as distintas facetas deste grave problema que afecta á sociedade”. Por outro lado, estas xornadas “resultaron moi útiles para actualizar o programa de actuacións do Servizo Municipal de Drogodependencias” añadiu a Concelleira.

Preto de cen persoas, entre especialistas e traballadores do sector, déronse cita os días 19 e 20 nestas xornadas gratuítas organizadas polo Concello de Lugo. Esta iniciativa serviu de foro de divulgación e posta en común das tarefas de prevención de distintas organizacións, así como algunhas das iniciativas existentes no ámbito da prevención de drogas a nivel nacional.

Nelas participaron principalmente profesionais das distintas administracións públicas, entidades privadas e asociacións, así como estudantes e voluntarios interesados no tema, especialmente dos ámbitos da educación, psicoloxía e saúde.

Asimesmo, o Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello ofreceu un resumo do intenso traballo realizado nestes anos. Este servizo foi posto en funcionamento neste mandato de José López Orozco e co-financiado polo Plan de Drogas de Galicia e o Plan Nacional Antidrogas -que concede orzamentos dos bens decomisados-.

O excelente traballo desempeñado por este servizo fixo que fose seleccionado polo Ministerio de Sanidade para asesorar á Axencia Internacional Antidrogas en materia de campañas de prevención. Para levar a cabo esta misión, técnicos do servizo estiveron desprazados en Rumanía, onde están as oficinas deste organismo internacional.

Noticias relacionadas