A organización da carreira obrigará a realizar varios cortes de tráfico desde as 15.00 horas ás 20:30 horas.
A totalidade dos clubes participantes son galegos, procedentes de Lugo, Viveiro, Coruña, Betanzos, Santiago, Pontevedra, Porriño, Ponteareas, O Rosal, Vigo e Marín.
O concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, destacou a importancia destas competicións para promover a mobilidade en bicicleta entre a cidadanía.

O executivo de Lara Méndez, a través da área de Deportes, colabora novamente no 57 Gran Premio Ciclista Milagrosa, proba que se disputará este sábado, día 18, e que organiza o Clube Ciclista Milagrosa.
A carreira, que se celebrará na Avenida Duquesa de Lugo, contará coa participación de 200 ciclistas de categorías diferentes. A totalidade dos clubes participantes son galegos: Lugo, Viveiro, Coruña, Betanzos, Santiago, Pontevedra, Porriño, Ponteareas, O Rosal, Vigo e Marín.
O edil de Deportes, Mauricio Repetto, felicitou aos membros da organización pola súa implicación e compromiso con esta cita deportiva, “que, con máis de 50 anos de vida, é un referente no panorama galego”. O concelleiro destacou a importancia destas competicións para promover a mobilidade en bicicleta, “nun momento no que todas as urbes, e desde logo Lugo, estamos a traballar para que cada vez se utilice máis a bici como alternativa de transporte máis saudable”.
Plan de Tráfico:
Nesta organización, o Concello estableceu un plan de tráfico co fin de garantir a seguridade dos participantes:
- Desde ás 15.00 horas ás 20.30 horas, cortarase o tráfico na glorieta da Avenida Infanta Elena na súa intersección coa Rúa Alexandre Bóveda, así como na intersección desta avenida coa Rúa Río Narla.
- No outro extremo do percorrido, levarase a cabo un primeiro corte no carril dereito, en sentido de entrada á cidade, na intersección desta avenida coa Avenida Paulo Fabio Máximo e un segundo corte total coa Rúa Garaballa de Arriba.
- Cortarase ao tráfico o último tramo da Rúa Monte Faro, á altura de Rúa Pai Gómez, excepto residentes.
- Corte do acceso desde o Parque da Milagrosa á Avenida a través da súa única saída da vertente este e tamén á altura da intersección coa Avenida Infanta Elena.
- Corte do acceso ao viario de ligazón de Róldaa Norte coa Avenida Infanta Elena á altura da citada rolda e na intersección do viario de ligazón coa glorieta circular da avenida Infanta Elena.
- Limitarase o estacionamento en Avenida Infanta Elena entre as Rúas Río Narla e Monte Faro, e na explanada do estacionamento do polideportivo municipal Casa do Deporte.