Finaliza a primeira fase do Plan Muramiñae Rehabilita coa inserción laboral de 3 traballadores nunha empresa lucense

A alcaldesa mantivo unha videoconferencia cos participantes nesta primeira edición do programa socio-laboral, enmarcado na estratexia DUSI do Concello.

Lara Méndez: “Co voso traballo contribuístes a poñer en valor distintos puntos da cidade, axudando a mellorar o patrimonio lucense e deixando a vosa impronta”.

As brigadas realizaron traballos de albanelería, xardinería e mobiliario no entorno do Miño, nos parques Rosalía, O Castiñeiro e Simón Bolívar e na rúa Garañón.

Venres, 12 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Finaliza a primeira fase do Plan Muramiñae Rehabilita coa inserción laboral de 3 traballadores nunha empresa lucense

A primeira fase do Plan Muramiñae Rehabilita finalizou de forma exitosa, logo de que tres dos participantes lograran a súa inserción laboral nunha empresa lucense. A través desta programación, o Goberno de Lara Méndez ofreceu formación e capacitación a 27 persoas, 24 delas pertencentes a colectivos vulnerables, ao tempo que levaron a cabo,  obras de mellora nos barrios da cidade que integran a zona DUSI.

Este venres, a alcaldesa mantivo unha videoconferencia cos participantes neste programa socio-laboral para felicitalos polo traballo levado a cabo e animalos a seguir formándose. “Quero agradecervos a vosa implicación e o voso esforzo para que esta primeira edición resultase un éxito. O obxectivo agora é que toda esa aprendizaxe e experiencia que acumulastes nos últimos meses vos sirva para atopar unha oportunidade laboral”, apuntou.

Neste senso, Lara Méndez mostou a súa satisfacción pois “gracias á formación recibida, tres participantes van a comezar a traballar xa nunha empresa de Lugo, despois de ter pasado un proceso selectivo, mentres que o resto comezarán agora unha segunda fase de asesoramento, a través da cal o servizo de Orientación Laboral do Concello prestaralles axuda para atopar un posto de traballo”, explicou.

Así mesmo, a rexedora remarcou que “co voso traballo contribuístes a poñer en valor distintos puntos da cidade, axudando a mellorar o patrimonio lucense, outro dos grandes obxectivos que tiña esta programación, e deixando a vosa impronta, polo tanto só podo darvos a miña noraboa”.

Traballos realizados

O Goberno de Lara Méndez puxo en marcha unha campaña de participación cidadá, para a elección dos traballos a realizar, a través da que os e as lucenses puideron achegar as súas propias propostas e peticións. Unha vez seleccionadas, distribuíuse aos participantes en tres brigadas: de albanelería e pavimentación, xardinería e arranxos ambientais, e de mobiliario e infraestruturas urbanas, que foron as encargadas de executar as obras.

Durante seis meses, realizaron traballos no Parque Rosalía de Castro, desmontando, lixando, lavando, pintando e montando máis dun centenar de bancos. No paseo do Miño e a leira análoga do Pazo de Feiras, realizaron traballos de limpeza de bancos de pedra, limpeza do muro lonxitudinal ao paseo ao longo do río, varrido de follas, arranxo dos carreiros de xabre, limpeza e pintado dun muro, limpeza de escaleiras, acondicionamento da pequena rotonda que hai ao fondo do Paseo do Miño á beira da antiga Fábrica da Luz (limpeza, poda, reposición de pedras que faltaban, recrecido de morteiro e pintura) e comezouse a instalar o valado de madeira nos ocos existentes entre o muro ao longo do río.

Así mesmo, tamén se rozou o noiro existente entre o aparcamento do campo de fútbol e Avda. Fábrica dá Luz e desobstruiuse o canlón de desaugadoiro existente. Ademais, realizáronse traballos de arranxos de xardinería no parque de O Castiñeiro e de Simón Bolívar, e na rúa Garañón. De forma complementaria, realizouse un inventario dos bolardos existentes na zona da Milagrosa, dos farois do Parque Rosalía de Castro e de todo o mobiliario urbano existente dentro da zona de actuación da  EDUSI.

DUSI Muramiñae

O Muramiñae Rehabilita, que incluíu un plan de emprego e unha campaña de participación cidadá, está integrado no programa Dusi Muramiñae, unha estratexia financiada polo Concello de Lugo ao 20% e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea ao 80%.

O obxectivo desta estratexia é unir á cidade e o río a través da zona do Carmen, eliminando a descontinuidad urbana que existe entre Porta  Miñá e o río Miño, aproveitando que pola zona discorre o Camiño de Santiago, e integrar o contorno fluvial na trama urbana, conseguindo unha cidade máis verde, sostible e amable.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Muramiñae Rehabilita | Descargar mp3

Multimedia

  • Finaliza a primeira fase do Plan Muramiñae Rehabilita coa inserción laboral de 3 traballadores nunha empresa lucense

Noticias relacionadas