Finaliza con éxito a avaliación do Impulso Verde para a certificación de Proxecto FSC®, que garante un proceso sostible con madeira local

O lucense, será o primeiro edificio en España e un dos poucos no mundo que logra este prestixioso distintivo, converténdose nun referente internacional en sostibilidade.

A alcaldesa Lara Méndez lembra que este visado garante que toda a madeira utilizada procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares, tanto ambientais como sociais.

Sábado, 22 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Finaliza con éxito a avaliación do Impulso Verde para a certificación de Proxecto FSC®, que garante un proceso sostible con madeira local

O edificio Impulso Verde, promovido polo executivo municipal na Garaballa, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, vén de completar con éxito o proceso de avaliación para a obtención da certificación de Proxecto FSC®. Así o informou a alcaldesa, Lara Méndez, quen celebrou esta nova pois “este distintivo converte ao inmoble nun referente internacional no ámbito da construción sostible”. Non en van, trátase do primeiro edificio en España e un dos poucos no mundo que logra a prestixiosa certificación.

“O visado garante que toda a madeira utilizada, igual nos elementos estruturais, carpitenría, ou mobiliario fixo, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais; ao tempo que certifica que a obra non contribúe á deforestación e aposta por un produto local, á vez que ofrece máxima eficiencia e convértese en ferramenta activa da loita contra o cambio climático”, lembrou a rexedora.

O edificio Impulso Verde someteuse a unha rigorosa avaliación segundo os requisitos recollidos na Certificación FSC®, desenvolvéndose o día 3 de outubro a última auditoría que supón o final do proceso de avaliación e que permitirá a consecución do Certificado FSC® de Proxecto Completo (FSC-C168753).

Neste senso, o equipo auditor da entidade certificadora APCER, encargado do proceso de avaliación, supervisou que as empresas e todas as partes implicadas na obra xestionaron a subministración dos produtos de base forestal segundo criterios de sustentabilidade, validando a documentación dispoñible e determinando o cumprimento co Estándar FSC® de Certificación de Proxectos.

O Impulso Verde incorpora na súa estrutura madeira de orixe local con xestión forestal sostible, ademais, e para a obtención da declaración de certificación de Proxecto Completo, o resto dos produtos forestais utilizados na obra inclúen tamén as súas correspondentes declaracións de FSC®.

Este edificio incorpora os avances investigadores do Campus Terra (USC) e da Universidade Politécnica de Madrid. É o primeiro de carácter público da comunidade construído en madeira de Galicia e é xa un referente na acción polo clima, capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Ademais, o uso da madeira como elemento construtivo permitirá emitir un 90% menos de CO2 á atmosfera que os edificios de formigón e aceiro e absorberá 280 toneladas de emisións, o que significa que está a axudar xa nunha alta porcentaxe a reducir o efecto invernadoiro.

Forest Stewardship Council

Forest Stewardship Council (FSC) é unha organización mundial sen ánimo de lucro que leva dedicándose, desde hai máis de 25 anos, a promover a xestión forestal responsable en todo o mundo. Co auxe do uso da madeira no sector da construción, FSC crea un novo estándar para a certificación de obras e proxectos construtivos con madeira: o Estándar FSC® de Certificación de Proxectos.

A Certificación FSC de Proxectos, validada por entidades de certificación independentes, permite asegurar a procedencia sostible de todos os materiais de orixe forestal empregados. Outros famosos proxectos certificados FSC® no mundo son o Canary Wharf Crossrail Place de Londres ou a pasarela do recinto feiral BuGa preto de Bonn.

Noticias relacionadas