A fin de semana acollerá varias campañas informativas con motivo da celebración do Día Mundial contra a Sida

Venres, 30 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Esta fin de semana celebraranse os actos que o Concello de Lugo e o Comité Cidadán Antisida organizan para conmemorar o Día Mundial contra a Sida.

O Concello de Lugo organiza varias actividades informativas para mozos que se centrarán na promoción do uso do preservativo como arma eficaz para previr o contaxio e a transmisión do VIH e doutras enfermidades de transmisión sexual.

A madrugada do día 1 de decembro, desde as 00:00 ata as 3:00 horas, pola Praza do Campo e o seu contorno, oito monitores do Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias caracterizados de profilácticos repartirán dous mil unidades de preservativos e desenvolverán unha campaña informativa entre os mozos para informar sobre o risco que supón non usar o preservativo e relacionar o consumo de drogas e de alcohol coa Sida.

A novidade deste ano é adecuar a intervención informativa e de sensibilización ao horario e lugares de lecer nocturno da xente nova.

Entre os obxectivos propostos con esta iniciativa figuran:
- Sensibilizar a mocidade sobre os risco de ETS e SIDA e informar sobre as medidas de prevención sexual.
- Difundir as ventaxas do uso de medidas sexuais preventivas
- Dar a coñecer o Día Mundial da Sida
- Recordar os métodos de contaxio e as formas de previlo.
- Informar sobre o uso correcto e eficaz dos métodos anticonceptivos.
- Achegar a xuventude un soporte de solidariedade e concienciación.
- Sensibilizar á poboación en xeral do día mundial da Sida.

O día 2 de decembro finalizará o programa Creative coa última acción informativa sobre o consumo de alcohol no Parque de Rosalía de Castro, tamén a partir das 12 da noite e ata as 3:00 da madrugada.

O proxecto Creative é un programa de prevención de drogas e minimización de riscos desenvolto polo Concello de Lugo que vai dirixido á mocidade comprendida entre os 14 e os 24 anos preferentemente.

Consiste en saídas nocturnas ás zonas de concentración da mocidade no ocio nocturno e na montaxe dun stand desde onde se facilita información sobre o consumo de distintas sustancias psicotrópicas e alcohólicas explicando os seus efectos e os seus perxuizos para a saúde.

Doutra banda, os actos organizados polo Comité Cidadán Antisida para conmemorar o Día Mundial contra a Sida xa comezaron este venres, día 30 de novembro, cunha mesa informativa situada nos soportais da Praza Maior.

Os membros desta asociación repartiron folletos informativos e realizarán a tradicional cuestación anual, ademais instalaron un gran lazo vermello na fachada da Casa Consistorial.

O sábado día 1 de decembro, entre ás 10:00 e as 14:00 horas na Praza Maior, desenvolverán outra acción de sensibilización social en colaboración coa ONX Axuda en Acción que está a desenvolver programas de intervención en África. Ademais, levarán a cabo unha campaña de denuncia contra a creación dun rexistro de casos de VIH que ten previsto desenvolver a Xunta de Galicia.

Na tarde do sábado, a partir das 19:00 horas, celebrarán unha concentración na Praza Maior en homenaxe ás máis de 50 persoas que morreron en Lugo desde o ano 1981.

O domingo día 2, rematarán os actos coa instalación dunha mesa informativa no centro comercial Carrefour onde achegarán información sobre a realidade desta enfermidade a familias e persoas maiores entre as 17:00 e as 20:00 horas.

Noticias relacionadas