As federacións de veciños de toda Galicia manifestan en Lugo o seu apoio á urxente modernización da rede ferroviaria

A rexedora e vicepresidenta do Eixo e o secretario xeral do ente transfronteirizo presentáronlle á Cogave as propostas do mapa ferroviario para o seu impulso na vindeira década.

Lara Méndez, que agradeceu a presenza dos presidentes de todas as federacións veciñais, destacou a importancia de aproveitar os fondos europeos para ser competitivos.

As liñas de actuación propostas implicarían un investimento de 3.000 millóns de euros, dos que o 50% encaixaría nos parámetros do cofinanciamento previstos por Europa.

Venres, 23 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As federacións de veciños de toda Galicia manifestan en Lugo o seu apoio á urxente modernización da rede ferroviaria

Lara Méndez, alcaldesa lucense e vicepresidenta do Eixo Atlántico, acompañada do Secretario Xeral deste organismo, Xoan Vázquez Mao, presentaron o mapa de actuacións previstas para a modernización da rede ferroviaria do noroeste peninsular elaborado polo ente transfronterizo á totalidade das federacións de veciños de Galicia, que acudiron hoxe a Lugo para coñecer esta proposta que permitiría acadar unha maior conectividade da comunidade autónoma e, polo tanto, maior competitividade, no prazo dunha década.

No salón de plenos citáronse os presidentes da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave), que integra as Federacións de asociacións de veciños de A Coruña e súa área metropolitana, de Ferrol (Roi Xordo), Ourense (Limiar), Pontevedra (Castelao), Lugo (Lucus Augusti), Vigo (Eduardo Chao) e Cangas do Morrazo. O presidente da Cogave, Fernando Rois, comentou que estudará o mapa de propostas, “pero xa avanzo que estaremos na férrea defensa da mellora da rede ferroviaria porque é unha cuestión que nos atinxe a toda a sociedade”.

A rexedora explicou que no estudo que se presentou, elaborado por un dos maiores expertos na rede ferroviaria galega, Miguel Rodríguez Bugarín, se estima que esta modernización suporía un investimento de 3.000 millóns de euros, “dos cales o 50% encaixaría nos parámetros do cofinanciamento europeo. As infraestruturas poderían desenvolverse nun prazo de 10 anos a razón dun investimento de 150 millóns anuais, o que en termos do orzamento do Estado é unha cantidade perfectamente asumible”.

Lara Méndez agradeceu a presenza dos presidentes de todas as federacións galegas, “o que amosa a vosa importante implicación na defensa dos intereses de Galicia, e Galicia non pode avanzar sen as vosas reivindicacións”, sostivo.

A vicepresidenta do Eixo Atlántico lembrou que esta reunión se celebra tras a mantida en Santiago coa Confederación de Galega de Empresarios e cos sindicatos UGT, CCOO e CIG, “aos que agradezo que se sumasen a voz unánime que Galicia necesita para defender a modernización da rede ferroviaria para que a nosa comunidade non quede atrasada nun momento crave onde se poden aproveitar os fondos europeos. Fronte a crise pasada, na que se apostou pola austeridade, aposta que logo se viu que foi un grave erro, agora se está a saír da crise inxectando investimentos. Non debemos perder esta oportunidade, e para iso urxe a unión de todos os sectores económicos, institucionais e sociais, que é a que nos dará forza”.

Pola súa banda, Vázquez Mao lembrou que o mapa inclúe actuacións na liña Ferrol-Coruña, na saída sur de Vigo, no tramo Coruña-Santiago do Corredor Atlántico, no acceso de Punta Langosteira e o tramo Santiago-Redondela,  o tramo Vigo-Guixar-Redondela-Guillarei, Guillarei-Ourense, Ourense-Monforte e Monforte-Covas, e desde logo, as melloras das liñas A Coruña-Lugo e Lugo-Ourense.

Lugo, no Corredor Atlántico

Respecto a estas últimas, Lara Méndez tamén incidiu “que, xa como alcaldesa de Lugo, debo defender tamén a inclusión no ano 2023 da liña ferroviaria de mercancías A Coruña-Lugo no Corredor Atlántico, aproveitando que é a data na que se abrirá o período de modificación e ampliación dos corredores ferroviarios europeos”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Mapa Ferroviario | Descargar mp3

Multimedia

  • As federacións de veciños de toda Galicia manifestan en Lugo o seu apoio á urxente modernización da rede ferroviaria

Noticias relacionadas