O alcalde e o edil de Xuventude achegáronse á escalinata que enlaza con Cidade de Viviero, cando se está a punto de rematar unha obra que sigue a estela do Urban Cores.
Miguel Fernández felicitou a Diego As, Muro Mola e Van Kraft por “contribuír unha vez máis á humanización e embelecemento de espazos públicos coas súas intervencións”.
O rexedor e Jorge Bustos destacaron que estes murais son “un referente do modelo de cidade e un exemplo para outras urbes ne recuperación de vías e prazas con arte urbana”.

As escaleiras da rúa Santiago, que enlazan con Cidade de Viveiro, “son un novo referente do emprego do arte urbano para a recuperación e humanización de espazos públicos”. Así o sinalou o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que esta mañá achegouse, xunto ao edil de Xuventude, Jorge Bustos, ata esta escalinata para comprobar a marcha do mural que están a punto de rematar os artistas Diego As, Muro Mola e Van Kraft.
A intervención nesta escalinata, situada fronte ao colexio das Pepas, mudará por completo o aspecto sombrío deste paso entre rúas, ao que se está a dotar de moita cor, tanto nas súas parades como no chan. De feito, o tratamento do chan é unha das características que distingue a esta intervención doutras realizadas na cidade, para o que os artistas utilizaron materiais especiais, para evitar o deterioro e tamén unha pintura antiescorregadiza específica.
Para o alcalde de Lugo “esta nova intervención artística sigue a estala do programa municipal Urban Cores e está chamada a ser un novo referente turístico e artístico para a cidade, como o son os anteriores murais realizados desde a área de Xuventude do Concello de Lugo”. Ademais, explicou o rexedor, “estes murais non só embelecen senón que converten estes espazos nun punto de interese e orgullo para a comunidade e á veciñanza”. Neste sentido, o edil de Xuventude, apunta que “este tipo de intervencións fomentan o seu coidado, xa que as áreas embelecidas tenden a ser máis respectadas, tal e como ocorreu coa rúa Esquecemento, as casas sindicais ou Fingoi”.
Outras intervencións co Urban Cores
A rexeneración das escaleiras da Rúa Santiago se suman a outras actuacións desenvolvidas desde a citada Concellería. Entre outras, o edil responsable desta área, Jorge Bustos, destaca “as intervencións realizadas a través do programa municipal Urban Cores nas súas distintas edicións, no barrio de Fingoi, con tres murais, ou os cinco pintados nas casas sindicais”. Dentro das actuacións desenvolvidas polo Concello, na procura da recuperación de espazos públicos a través da arte, tamén se levaron a cabo outras intervencións importantes como a da rúa Esquecemento, que se distingue porque trátase dun mural de moi amplas dimensións que, de feito, permitiu recuperar toda esta vía.
Por suposto, “o Julio César, de Diego As, e a castrexa, de Manuel Pallín, son os principais reclamos e referentes da arte urbana en Lugo”, sinalou o alcalde, “quen fixo fincapé en que ambos son parte do patrimonio artístico da cidade e un punto de interese turístico máis”. Hai que lembrar que a obra de Diego As foi elixida como o mellor mural do mundo por Street Art Cities, a principal plataforma de arte urbana a nivel internacional, mentres que a intervención de Manuel Pallín logrou o terceiro posto nesta mesma clasificación, no ano 2023.
O Concello de Lugo iniciou hai anos varias actuacións de murais artísticos, dentro da iniciativa Style Fighters, á que seguiron todas as intervencións realizadas no citado Urban Cores, o que fai da cidade de Lugo unha das urbes de referencia no arte urbano tanto a nivel nacional como internacional. Outro mural que tamén é referente en Lugo é o realizado por Diego As e Concepto Circo na Casa da Xuventude.
Desde esta área xa se está a preparar a que será a seguinte intervención artística, e que suporá á recuperación da praza do Castiñeiro. Un novo mural presidirá este espacio público, previa retirada da pintura antiga, moi deteriorada polos anos e polo uso de balóns.



