- Tema

O Concello foi este luns testemuña dun encontro para a historia: a primeira muller Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu no seu despacho á primeira muller Subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez López. “Lugo é feminino. Somos moitas mulleres en cargos de responsabilidade, tanto a nivel institucional como orgánico, o que significa que estamos abrindo unha nova etapa”, subliñou Méndez, quen se amosou “tremendamente satisfeita” porque o feito de que “haxa unha nova subdelegada significa que houbo un cambio de Goberno, o que será fructífero para o Estado e, polo tanto, para a cidade de Lugo”.
Así mesmo, a Alcaldesa resaltou que Isabel Rodríguez é “unha compañeira cunha gran traxectoria, unha gran profesional e unha gran política, que leva moitos anos desempeñando unha moi boa labor no Concello de Viveiro e con outras responsabilidades, como a de responsable de Sanidade na Comisión Executiva Nacional Galega dos socialistas”. Isto, engadiu, “é un garante de que temos unha persoa comprometida con Lugo, que vai a facer un traballo moi fructífero, e en clave de xénero”. Deste xeito, afirmou, “creo que vai a ser moito máis sensible na problemática que temos como sociedade coa violencia de xénero”.
Lara Méndez desexoulle a nova Subdelegada “moita sorte nesta nova etapa que inicia. Como ten detrás unha traxectoria que a avala, o éxito está asegurado”.
Pola súa banda, Isabel Rodríguez amosou “ilusión e gañas de traballar por toda a provincia de Lugo, por todos os veciños e veciñas”, nesta nova etapa, na que desenvolverá un traballo “completamente distinto do que viña realizando ata o de agora”.
Audio
- Lara Méndez, sobre á primeira Subdelegada do Goberno na provincia | Descargar mp3