Deportes recupera a Carreira Popular Lugo Monumental que celebrará a súa XIX edición o vindeiro 19 de decembro

A evolución da pandemia permite ao Goberno de Lara Méndez retomar unha proba de gran tradición local que, este ano, presenta variacións de percorrido debido ás obras en execución que hai na cidade.

Neste 2021 e por precaución sanitaria a competición será só para adultos.

A área que dirixe Mauricio Repetto traballa xa na organización do vindeiro Corre con Nós e da Media Maratón Cidade de Lugo.

Martes, 09 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Deportes recupera a Carreira Popular Lugo Monumental que celebrará a súa XIX edición o vindeiro 19 de decembro

A XIX edición da carreira popular Lugo Monumental xa ten data: o vindeiro domingo, 19 de decembro.

Organizada pola concellería de Xuventude e Deportes, o seu responsable Mauricio Repetto deu conta hoxe das novidades que presenta este ano, para a que se tiveron en conta os condicionantes que impón a pandemia e as obras que nestes momentos se atopan en execución na cidade.

“Neste 2021 a Lugo Monumental contará cunha distancia aproximada de 10 km aínda que, e como consecuencia das intervencións que se están realizando na capital e que afectan a partes do percorrido, este sufrirá unhas pequenas modificacións de carácter eventual”, sinalou o edil.

Así, tanto a SAÍDA como a META estarán situadas na Avda. De Ramón Ferreiro, coa Praza da Horta do Seminario como centro de operacións. O traxecto seguirá sendo en parte circular ao redor da Muralla, cunha última volta por riba do adarve, “mantendo o espírito de todas as edicións anteriores pero adaptándoa ás circunstancias”.

“Non podemos esquecer a situación na que nos atopamos actualmente e a organización por precaución, e do mesmo xeito que se están a desenvolver outras grandes carreiras da comunidade autónoma, tomou a decisión, neste caso, de realizar a proba soamente PARA ADULTOS, deixando para ao 2022 a volta das categorías inferiores a medida que as garantías sanitarias para as crianzas – o colectivo menos inmunizado - se vaian asentando e a seguridade, tanto para participantes como para acompañantes, recupere os valores prepandémicos”, explicou Mauricio Repetto.

A carreira popular Lugo Monumental cumpre este ano a súa 19 edición e, como en anteriores ocasións, contará co patrocinio de Caixabank. A súa recuperación supón a finalización da interrupción que supuxo a chegada do coronavirus ao mundo das carreiras populares.

Neste sentido, Repetto Morban avanzou que a área de Deportes traballa xa na organización doutras probas deste tipo xa consolidadas na cidade como é o Circuíto Corre con Nós de 2022 e a Media Maratón Cidade de Lugo na próxima primavera.

“Polo que a Lugo Monumental é para nós un punto e seguido dentro do labor que desenvolvemos nesta área á hora de conciliar a práctica deportiva coa súa vertente máis social na que destacan valores como o da participación, a superación ou incluso a posta en valor do patrimonio e da contorna urbana como espazo de interacción”, sinalou o concelleiro.

Mauricio Repetto informou tamén de que a proba cumprirá en todo momento coas recomendacións establecidas para eventos e actividades multitudinarias, “para a que se tiveron en conta os protocolos correspondentes no contexto da nova normalidade provocada pola Covid19 e, en función da súa evolución, estará sometida ao cumprimento das normas de prevención que establezan as autoridades sanitarias en cada momento”, referiu.

A medida que se achegue o día da proba a organización irá informando convenientemente dos temas de maior interese público como pode ser o itinerario, a forma de inscrición, o procedemento de recollida de dorsais así como dos protocolos a aplicar, entre outros aspectos.

Do mesmo xeito, proximamente estará dispoñible toda a información na páxina web da carreira https://10klugomonumental.com.

Audio

  • O edil de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, sobre a Carreira Lugo Monumental | Descargar mp3

Noticias relacionadas