Os traballos levaranse a cabo en horario nocturno para minimizar o impacto sobre o tráfico. Sinalizaranse dous desvíos en ambos sentidos de circulación.
Este proxecto, co que se mellorará a comodidade de acceso ao Miño e ao estadio Anxo Carro, enmárcase na estratexia DUSI, financiada ao 80% con fondos FEDER.

As obras de construción da nova pasarela peonil sobre a Nacional VI continúan avanzando, con motivo de executar os remates da pintura no vano central da mesma, será necesario facer un corte de tráfico na N-VI o vindeiro mércores desde as 22:00h para restablecelo tan pronto como finalicen os traballos, previstos antes do amencer.
Os traballos levaranse a cabo entorno ás 22:00 horas, aproveitando o inicio das restricións nocturnas de mobilidade o que implica unha menor afluencia de vehículos. Sinalizarase debidamente e con antelación, ofrecendo un desvío alternativo polos ramais de saída, como se fixo noutras ocasións:
- En dirección A Coruña: desviarase polo ramal de acceso á gasolineira GALP e a Avda. Deportes. Pódense incorporar á N-VI dando a volta á rotonda existente nesa saída.
- En dirección Madrid: desviarase polo ramal de acceso ao centro comercial e o tráfico pódese incorporar á N-VI de novo bordeando a rotonda existente á beira do aparcamento do Anxo Carro.
A empresa encargada de efectuar os traballos é Construcciones Taboada y Ramos, logo de ser seleccionada pola Mesa de Contratación, tras presentar a mellor oferta (971.250 €). Con esta estrutura créase un novo itinerario para peóns e bicicletas que favorecerá a continuidade do casco urbano de Lugo á zona do río Miño, pois na actualidade soamente existen accesos peonís mediante pasos inferiores, ademais de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial.
Este proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae cofinanciada nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) que o Goberno de Lara Méndez puxo en marcha para unir a trama urbana da cidade co Río Miño, a través da zona do Carmen. A pasarela peonil mellorará a comodidade e seguridade de acceso ao Miño e ao estadio Anxo Carro, dando resposta, ao mesmo tempo, a unha vella demanda da cidadanía lucense.