Concello e Deputación impulsan ExpoLugo Rural, a feira que reúne máis de 200 cabezas de gando e 40 expositores con produtos autóctonos e artesanía

Miguel Fernández, Lino Rodríguez, García Porto, Eduardo Vidal, e Rubén López presentaron a mostra que terá lugar esta fin de semana no Pazo de Feiras e Congresos

O Concello colabora con máis de 4.000 euros e a Deputación con 14.500 euros e a través do CENTRAD co obxectivo de promover o sector primario

A organización prevé a asistencia de 10.000 persoas. A entrada é gratuíta

Xoves, 06 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación impulsan ExpoLugo Rural, a feira que reúne máis de 200 cabezas de gando e 40 expositores con produtos autóctonos e artesanía

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández Méndez, o Deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez, e o Xerente de Pazos e Congresos de Lugo, Ruben López, presentaron este xoves nos Xardíns do Pazo de San Marcos unha nova edición de ExpoLugo Rural. Trátase da feira dedicada ao eido gandeiro, agroalimentario e a artesanía, e que se celebrará esta fin de semana na capital luguesa, coincidindo co San Froilán. O Concello colabora cunha achega económica de máis de 4.000 euros e a Deputación con 14.500 euros e tamén a través do CENTRAD, levando un stand con pezas de artesáns da provincia.

Miguel Fernández Méndez, puxo en valor esta mostra agrogandeira, unha mostra xa consolidada no sector e un referente tanto na provincia como na comunidade, que amosa á perfección a tradición das feiras tan características do municipio e do que no seu inicio foi o San Froilán. Así mesmo, o edil destacou a aposta do Concello de Lugo polo rural, como nicho de emprego, capaz de fixar poboación e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. De feito, o Goberno dedicou unha concellería en exclusiva ao rural, o que demostra o especial impulso que lle quere dar, tanto á dotación de servizos e infraestruturas rurais, como ao desenvolvemento económico das 54 parroquias lucenses, que representan o 80% do noso territorio. “A simbiose entre a realidade rural e urbana é unha das nosas grandes liñas de traballo, xa que o rural é a nosa esencia e unha das grandes oportunidades para o municipio a nivel económico, social, cultural e turístico”, concluíu.

Lino Rodríguez cualificou esta cita “como un evento imprescindible para todos os profesionais que se dedican a este campo, e onde ademais pode convertese nunha boa plataforma de desenvolvemento e de dinamización económica da provincia”. O Deputado anunciou que o organismo provincial promoverá un concurso de raza de frisón que se celebrará o vindeiro ano neste mesmo Pazo. Remarcou que o organismo provincial “sempre será sensible aos problemas dos nosos gandeiros, por iso apoiaremos todo tipos de iniciativas e eventos que sirvan de escaparate para poñer en valor o gando galego, a calidade da nosas materias primas, e que ademais contribúan a mellorar a calidade de vida dos nosos agricultores”.

Haberá 40 expositores con produtos autóctonos e de alimentación, e participarán máis de 200 cabezas de gando. Haberá outras actividades complementarias como premios, mostras de artesanía ou degustacións. A organización prevé a asistencia de 10.000 persoas.

Poñer en valor produtos galegos
ExpoLugo Rural é unha boa oportunidade para poñer en valor os nosos produtos autóctonos, a nosa artesanía, e para reivindicar a importancia da nosa agricultura e a nosa gandería, en definitiva unha boa mostra da capacidade que ten o rural galego para reinventarse e loitar por un futuro digno e cheo de futuro e de posibilidades”, explicou Lino Rodríguez.

Ruben López Fernández, Xerente de Pazos e Congresos de Lugo, agradeceu a colaboración da Deputación e do Concello de Lugo na celebración desta nova edición. “Cada ano estamos máis orgullosos do traballo que realizamos dende o Pazo, pero somos conscientes que moitos destes eventos non poderiamos celebralos sen a colaboración do organismo provincial”. Avanzou que a Feira aumentou o seu espazo expositivo, con respecto ao ano pasado, xa que pasou de 4.800 m2 a 7.500 m2. Por último aproveitou tamén para invitar a todos os visitantes a acudir a esta nova Feira que se celebrará os días 8 e o 9 de outubro, dende ás 11 da mañá ata as 21:00 horas, na que a entrada é gratuíta.

Mostra gandeira e agroalimentaria
ExpoLugo, Rural terá lugar do 8 ao 9 de outubro de 2016 no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Nela poderase desfrutar da mostra gandeira, que se converterá na máis completa exposición gandeira de Galicia xa que nela participarán as principais razas autóctonas galegas, así coma outras de ámbito nacional, coa presenza das súas asociacións xestoras e de animais en vivo. Razas de bovino, caprino, equino, porcino e avícola, que farán as delicias de pequenos e maiores, nun acercamento e revalorización do eido rural á cidade.

No programa tamén haberá unha mostra agroalimentaria de Razas Autóctonas, e que contará cunha exposición de produtores de razas autóctonas con venda de produtos directamente do produtor ao consumidor.

Plataforma de negocio
Na Feira participarán stands de empresas relacionadas co sector rural e gandeiro, no que destacarán as últimas innovacións e servizos nos sectores gandeiro e agrario que, na provincia de Lugo, supoñen unha parte esencial tanto a nivel económico como social, axudando a mellorar a súa competitividade, converténdose así nunha boa plataforma de negocio.

Outras actividades
Ademais da zona expositiva agrogandeira, agroalimentaria e artesá, esta Feira verase completada con outras actividades sempre relacionadas co sector primario. Deste xeito, terán lugar, entre outras actividades, a presentación de produtos e novidades no sector en servizos como ferramentas, aplicacións e maquinaria. Tamén haberá charlas técnicas, celebración de asembleas e xuntanzas de socios, desfile do gando de razas autóctonas pola rúas de Lugo, IV Concurso- Exposición Provincial da Galiña de Mos, I Concurso Morfolóxico de Raza Porco Celta, Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega, Concurso-Exposicións de Gando de  Raza Rubia Galega e degustacións de produtos de raza autóctona.

Noticias relacionadas