Concello e Deputación convidan aos lucenses a aprender como se fai unha reanimación cardiopulmonar o luns nunha xornada gratuíta

Colaboran na campaña divulgativa e de sensibilización sobre a importancia da RCP que Salutrans desenvolverá xunto á casa consistorial con motivo do Día Europeo de Concienciación do Paro Cardíaco

Xoves, 12 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
121017 Xornadas RCP

Cada 16 de outubro celébrase o Día Europeo da Concienciación do Paro Cardíaco e, co fin de darlle visibilidade e proxección, o Concello de Lugo e a Deputación colaboran coas xornadas divulgativas e de sensibilización sobre a importancia das manobras de Reanimación Cardiopulmonar (RCP) que Salutrans desenvolverá nunha carpa situada no lateral da casa consistorial. Será o propio 16 de outubro, o vindeiro luns, en horario de 11:00 a 18:00 horas.

Concello e Deputación convidan aos veciños e veciñas do municipio e de toda a provincia a participar nesta actividade, de acceso libre e gratuíto, para aprender como se fai unha reanimación cardiopulmonar, unha técnica básica de primeiros auxilios que salva vidas. Para iso, monitores sanitarios e médicos do 061 ofrecerán durante toda a xornada a todas as persoas que así o desexen talleres nos que ensinarán como realizar unha RCP a través de simulacros prácticos.

Hospital de campaña e UVI móbil

Os medios materiais que haberá durante esta xornada son un hospital de campaña, dous bonecos RCP, dous conxuntos de RCP básica, catro estacións de RCP, un defibrilador de prácticas e unha UVI móbil equipada con todos os equipamentos. Tamén haberá un total de oito instrutores, realizando tarefas de monitores, que explicarán todas as cuestións relacionadas con esta temática e repartirán folletos informativos.

En España morren de forma súbita ao ano, debido a afeccións como os infartos, unhas 40.000 persoas, entre 3.000 e 5.000 en Galicia. Segundo os expertos en cardioloxía, con cursos de formación, a supervivencia podería elevarse como mínimo do 5 ao 15%. Sen embargo, a día de hoxe, a denominada cadea de supervivencia, que poderían realizar a maioría da persoas, só se realiza en unha de cada cinco persoas que sofre un paro cardíaco fóra do hospital, de aí a importancia da formación na poboación en xeral, comezando mesmo dende a escola.

Noticias relacionadas