Concello e Confederación Hidrográfica avanzan na sinatura do convenio para desbloquear o Plan Paradai

A rexedora, Lara Méndez, sostivo que este acordo permitirá dar pasos na finalización dun acordo que asinou a Xunta para unir os barrios de Paradai e As Gándaras hai 21 anos.

A Xunta de Goberno Local autorizará este próximo mércores o documento que terá unha validez de catro anos, prorrogable por catro máis.

Do custo da obra, de 650.000 euros, a administración local aportará o 25%.

Sábado, 06 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Confederación Hidrográfica avanzan na sinatura do convenio para desbloquear o Plan Paradai

O Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica concluíron xa a redacción do convenio co que se abordarán as actuacións necesarias para seguir avanzando no Plan Paradai, que permitirá que se poida avanzar cara a súa finalización 21 anos despois de que Concello lucense e a Xunta de Galicia asinasen o convenio co fin de unir os barrios de Paradai e As Gándaras.

O acordo ten por obxecto a execución dos estudos, proxectos e obras que permitan reducir o risco de inundación durante as crecidas producidas polo río Rato na contorna da glorieta da rúa Serra de Meira. Así mesmo establécese o réxime da posterior entrega das obras para o mantemento e conservación das mesmas.

A Xunta de Goberno Local autorizará, este próximo mércores, o documento. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez sinalou que “a finalidade das actuacións que recolle este Convenio abranguen a redacción dun proxecto que permita mellorar a capacidade de desaugadoiro do tramo canalizado do río Rato na contorna da glorieta da rúa Serra de Meira”, actuando sobre a sección canalizada do tramo situado augas arriba do caixón de formigón que discorre baixo a calzada, para aumentar a súa capacidade modificando a xeometría actualmente existente.

“No proxecto – abondou -  estudarase, así mesmo, a procedencia de actuar da mesma maneira no tramo de río canalizado augas abaixo da glorieta”.

Desta maneira, dase unha solución aos problemas da rotonda que une Serra de Meira co vial da ponte de Paradai, obra que foi executada no 2015 pola Xunta de Galicia sen autorización e que a Confederación paralizou por non ser legalizable.

É necesario dar pasos para impulsar o desenvolvemento urbanístico de Paradai porque Lugo non se pode permitir non evolucionar como a cidade verde, sostible e ven comunicada que estamos a proxectar”, aseverou a rexedora.

Orzamento

O investimento total para a execución das obras estímase en 650.000 euros, dos que a CHMS achegará 487.500 €, o que supón unha porcentaxe do 75%, e o Concello de Lugo aportará 162.500 € (25%).

A Confederación Hidrográfica afrontará, con eses cartos, o custo de execución da obra, dirección e vixilancia da mesma, ademais dos gastos correspondentes ás medidas de seguridade e saúde estimados, e unha vez finalizadas e recibidas as obras trasladarase comunicación ao Concello. Correspóndenlle, tamén, á Confederación licitar, adxudicar e xestionar os contratos da obra e servizos precisos, así como as demais actuacións necesarias para executar o convenio ata a súa terminación definitiva así como realizar, unha vez rematadas as obras, a recepción das mesmas.

Será responsabilidade municipal o mantemento e conservación das obras obxecto do acordo – segundo a repartición competencial sobre o dominio público que a lexislación de augas establece – e a aprobación do proxecto construtivo, redactado pola Confederación, de forma que substitúa ao outorgamento da licenza municipal, no caso de que esta resultase necesaria.

Unha vez coñecidos cales son os terreos necesarios para materializar a intervención, o Concello de Lugo e a CHMS acordarán a forma de adquisición dos mesmos e a súa posta a disposición para a execución das obras.

A alcaldesa avanzou, alén, que para o desenvolvemento desta colaboración e ata o momento da entrega das actuacións, establerase unha Comisión Mixta que estará composta por un representante de cada unha das partes e que “terá, entre os seus cometidos, o seguimento, vixilancia e control da execución do Convenio e dos compromisos adquiridos ao seu abeiro, así como a solución das dúbidas que poidan xurdir en canto á súa interpretación e cumprimento”.

O acordo, froito da colaboración permanente entrámbalas dúas entidades, terá unha duración de catro anos que poderá ser prorrogado, en caso de que sexa necesario, por catro anos máis.

Noticias relacionadas