Concello, Coodinadora Galega de ONGD e Agareso lanzan unha campaña contra o discurso racista, agravado pola pandemia

Baixo o título de Protéxete do racismo, estará visible pola cidade nas vindeiras semanas en distintas rúas, avenidas e prazas, a través do mobiliario urbano

Esta campaña apela á responsabilidade persoal e colectiva á hora de loitar contra os bulos racistas, como por exemplo os ataques ás persoas con descendencia asiática que se propagaron ao comezo da pandemia

Xoves, 12 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Coodinadora Galega de ONGD e Agareso lanzan unha campaña contra o discurso racista, agravado pola pandemia

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Persoas Maiores, que dirixe Olga López Racamonde, vén de sumarse a unha campaña posta en marcha pola Coordinadora Galega de ONGD e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) para combater o discurso de odio, que se viu agravado pola pandemia da Covid-19. Baixo o título de Protéxete do racismo, esta campaña de sensibilización estará visible pola cidade nas vindeiras semanas en distintas rúas, avenidas e prazas, a través do mobiliario urbano. Tamén se distribuirá nas radios locais e redes sociais.

“Non deixes que te troleen dende os medios e as redes, combate o discurso de odio agravado pola pandemia” ou “Os prexuízos culturais e raciais son mentira e vólvense na túa contra. Non os espalles”; son dúas das mensaxes desta campaña que apela á responsabilidade persoal e colectiva á hora de loitar contra os bulos racistas, como por exemplo os ataques ás persoas con descendencia asiática que se propagaron ao comezo da pandemia ou os falsos rumores sobre unha suposta maior expansión do virus entre a poboación xitana ou en bares de “ambiente latino”; actos que foron denunciados polo Consello pola Eliminación da Discriminación Racial ou Étnica.

O Concello de Lugo actúa en consonancia coa petición do Secretario Xeral de Nacións Unidas, Antonio Guterrers, que no pasado mes de maio instou a actuar para fortalecer a inmunidade da sociedade contra o virus do odio, froito da ola de xenofobia que produciu a pandemia. “Estamos falando de parar o virus que vén detrás da Covid-19, o racismo”, subliñou Olga López.

Noticias relacionadas