Concello, Bonhomía e Asociación Penitenciaria Concepción Arenal unen esforzos pola inserción laboral de exreclusos

Ana Abelleira, Mar Fernández e Paula Alvarellos presentaron o proxecto Se Busca, que pretende sensibilizar á poboación sobre as dificultadas que atopan as persoas que estiveron en centros penitenciarios tras a súa liberación

Luns, 13 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Bonhomía e Asociación Penitenciaria Concepción Arenal unen esforzos pola inserción laboral de exreclusos

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a vicepresidenta da Asociación Bonhomía, Mar Fernández Yebra, e a presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Paula Alvarellos Fondo, presentaron este luns no Salón de Comisións o proxecto Se Busca. O Concello colabora con ambos colectivos nesta iniciativa que pretende sensibilizar á poboación sobre as dificultadas que atopan as persoas que estiveron en centros penitenciarios tras a súa liberación e facilitar así a súa inclusión.

No acto de presentación, González Abelleira enxalzou este proxecto, que avoga pola creación de vínculos sociais para contribuír ao proceso de volta á sociedade destas persoas que cumpriron penas de prisión. “Queremos axudar a atoparse a todos aqueles que se buscan”, subliñou a edil.

Pola súa banda, Fernández e Alvarellos agradeceron a colaboración do Concello tanto con este proxecto como en calquera iniciativa de sensibilización e que busque acabar coa desigualdades.

Bonhomía é un colectivo formado recentemente, en setembro de 2015, que promove ao mesmo tempo unha visión crítica sobre cuestións referidas ás desigualdades e á participación cidadá. Neste proxecto une esforzos coa Asociación Penitenciaria Arenal, de gran experiencia na loita pola inserción laboral de persoas internas en centros penitenciarios.

O proxecto de sensibilización consiste en colocar dous carteis de Se Busca, protagonizados por unha muller e un home, que buscan emprego á saída do centro penitenciario así como a confianza da sociedade para a súa reinserción. Numerosas empresas de Galicia están colaborando na difusión desta campaña mediante a colocación dos carteis nos escaparates, e tres asociacións luguesas tamén sumaron o seu esforzo participando activamente na difusión, Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo e Asociación Provincial de Empresas da Construción de Lugo. 

Audio

  • Ana González Abelleira, durante a presentación do proxecto Se busca |Descargar mp3

Noticias relacionadas