A concellería de Medio Ambiente habilita un operativo especial de limpeza pola festividade de Defuntos

O dispositivo, que comezaba esta mañá, se estenderá até o día 2 tanto no interior do cemiterio municipal como na súa contorna.

En total, o Goberno de Lara Méndez, mobilizará de forma específica a unha ducia de operario/as e a case unha vintena de medios mecánicos para este cometido.

Dentro do recinto as tarefas se levarán a cabo con maquinaria eléctrica para diminuír o impacto sonoro dos traballos e contribuír á tranquilidade das visitas.

Martes, 25 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Medio Ambiente habilita un operativo especial de limpeza pola festividade de Defuntos

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, anunciou esta mañá que o Concello de Lugo habilitou un dispositivo intensivo de limpeza pola festividade de Defuntos que se desenvolverá tanto nas instalacións do cemiterio como na súa contorna.

O edil destacou que os técnicos municipais, en colaboración coa adxudicataria, planificaron os traballos tendo en conta a concentración de visitas que durante esta semana se rexistrarán ao camposanto, “co obxectivo de realizar unha cobertura especial das tarefas de aseo do recinto e das súas inmediacións para garantir que, en todo momento, se atope en condicións óptimas para as persoas usuarias”.

Fernández indicou que este Plan Especial, que se manterá operativo dende hoxe e até o próximo día 2, supón a mobilización dunha ducia de operario/as e de múltiples medios mecánicos cos que, “por unha banda, se procederá á roza da Estrada de Santiago, co fin de eliminar a maleza e despexar os accesos á necrópole, cometido que se levará a cabo con dous tractores, desbrozadoras manuais e sopradoras. E, pola outra – abondou – xa no interior, se fregarán a alta presión a entrada e o pasillo central e se baldeará cunha hidro limpadora e un camión cisterna todos os corredores tanto da zona nova como da vella”.

“A nosa intención, sinalou o responsable de Medio Ambiente, é manter no mellor ornato posible estas dotacións dunha maneira continuada, sendo conscientes de que son moitas as familias que acostuman enfatizar nesta época do ano os coidados e acondicionamento das sepulturas nas que descansan os restos dos seus achegados e seres queridos. A nosa vontade é acompasar o incremento desas interaccións cun servizo específico que sexa capaz de atender as necesidades derivadas das mesmas para que a estancia no lugar resulte cómoda e confortable”, engadiu Miguel Fernández.

A este respecto, o tenente de alcaldesa destacou que os labores, entre os que figura o baleirado permanente de papeleiras, se executarán con maquinaria eléctrica para evitar as incidencias do ruído que xeran os vehículos a motor, diminuíndo as molestias e contribuíndo á tranquilidade que requiren as circunstancias.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a limpeza pola festividade de Defuntos | Descargar mp3

Multimedia

  • A concellería de Medio Ambiente habilita un operativo especial de limpeza pola festividade de Defuntos

Noticias relacionadas