A actuación, que ten un orzamento de máis de 64.000 euros e un prazo de execución de catro meses, inclúe a instalación dun novo colector de PVC e dunha nova rede de abastecemento de fundición con acometidas renovadas.
“Continuamos así co noso plan de renovación progresiva das redes hidráulicas, con obras que melloran o rendemento do sistema e reducen perdas de auga, filtracións e custos de mantemento”, detacou o rexedor.

O Concello de Lugo está a executar as obras de renovación do saneamento na rúa Pintor Pacios na súa marxe dereita, un proxecto que permitirá modernizar as infraestruturas hidráulicas dun tramo no que se detectaran filtracións e deficiencias nas canalizacións antigas de formigón e PVC.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, explicou que “esta obra mellora a infraestrutura básica dun barrio consolidado e garante un servizo de calidade para os veciños e veciñas. Son actuacións que non sempre se ven, pero que teñen un impacto directo na seguridade, na eficiencia e na sustentabilidade da cidade”.
A intervención contempla a substitución do colector de formigón por un novo colector de PVC, con instalación de pozos de rexistro, sumidoiros e renovación das acometidas domiciliarias. Ademais, dado que o trazado das redes de saneamento e abastecemento discorría moi próximo, o Concello decidiu aproveitar esta actuación para renovar tamén a rede de abastecemento de auga, que se está a executar en tubería de fundición.
“O novo sistema inclúe chaves de paso, bocas de rega, bocas de incendio e a *renovación completa das acometidas aos edificios, mellorando a presión, a durabilidade e o rendemento da rede. Continuamos así co noso plan de renovación progresiva das redes hidráulicas, con obras que melloran o rendemento do sistema e reducen perdas de auga, filtracións e custos de mantemento”, detacou o rexedor.
O proxecto prevé ademais a reposición integral do pavimento da beirarrúa en todo o seu ancho, recuperando o aspecto orixinal da vía e garantindo a accesibilidade peonil. As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Sanle Lugo S.L., contan cun orzamento de 64.387,96 euros e un prazo de execución de catro meses.
Fernández concluíu destacando que “estas melloras en saneamento e abastecemento forman parte do compromiso do Goberno local cun Lugo que se coida desde o subsolo, facendo da eficiencia e do mantemento responsable unha prioridade da nosa política urbana”.



