Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo renova a rede de saneamento e abastecemento na marxe dereita da rúa Pintor Pacios para mellorar a eficiencia do servizo e evitar filtracións

O Concello de Lugo renova a rede de saneamento e abastecemento na marxe dereita da rúa Pintor Pacios para mellorar a eficiencia do servizo e evitar filtracións

 A actuación, que ten un orzamento de máis de 64.000 euros e un prazo de execución de catro meses, inclúe a instalación dun novo colector de PVC e dunha nova rede de abastecemento de fundición con acometidas renovadas.

“Continuamos así co noso plan de renovación progresiva das redes hidráulicas, con obras que melloran o rendemento do sistema e reducen perdas de auga, filtracións e custos de mantemento”, detacou o rexedor.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución,
    • Residuos,
    • Auga,
    • Urbanismo
Venres, 07 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo renova a rede de saneamento e abastecemento na marxe dereita da rúa Pintor Pacios para mellorar a eficiencia do servizo e evitar filtracións

O Concello de Lugo está a executar as obras de renovación do saneamento na rúa Pintor Pacios na súa marxe dereita, un proxecto que permitirá modernizar as infraestruturas hidráulicas dun tramo no que se detectaran filtracións e deficiencias nas canalizacións antigas de formigón e PVC.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, explicou que “esta obra mellora a infraestrutura básica dun barrio consolidado e garante un servizo de calidade para os veciños e veciñas. Son actuacións que non sempre se ven, pero que teñen un impacto directo na seguridade, na eficiencia e na sustentabilidade da cidade”.

A intervención contempla a substitución do colector de formigón por un novo colector de PVC, con instalación de pozos de rexistro, sumidoiros e renovación das acometidas domiciliarias. Ademais, dado que o trazado das redes de saneamento e abastecemento discorría moi próximo, o Concello decidiu aproveitar esta actuación para renovar tamén a rede de abastecemento de auga, que se está a executar en tubería de fundición.

“O novo sistema inclúe chaves de paso, bocas de rega, bocas de incendio e a *renovación completa das acometidas aos edificios, mellorando a presión, a durabilidade e o rendemento da rede. Continuamos así co noso plan de renovación progresiva das redes hidráulicas, con obras que melloran o rendemento do sistema e reducen perdas de auga, filtracións e custos de mantemento”, detacou o rexedor.

O proxecto prevé ademais a reposición integral do pavimento da beirarrúa en todo o seu ancho, recuperando o aspecto orixinal da vía e garantindo a accesibilidade peonil. As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Sanle Lugo S.L., contan cun orzamento de 64.387,96 euros e un prazo de execución de catro meses.

Fernández concluíu destacando que “estas melloras en saneamento e abastecemento forman parte do compromiso do Goberno local cun Lugo que se coida desde o subsolo, facendo da eficiencia e do mantemento responsable unha prioridade da nosa política urbana”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-renova-rede-de-saneamento-e-abastecemento-na-marxe-dereita-da-rua-pintor