A concellería de Medio Ambiente estuda a cubrición do parque da Fonte dos Ranchos para mellorar as dotacións do barrio da Residencia

O edil Miguel Fernández analiza as actuacións máis acaídas para incrementar a versatilidade da área de xogos infantil sita na parte superior da praza.

A intervención responde ao compromiso da alcaldesa, Lara Méndez, coa veciñanza nos encontros que mantivo ao abeiro do programa de embelecemento urbano ‘Dito e Feito’.

O recinto se converterá, así, no cuarto parque cuberto da cidade xunto aos de Augas Férreas, Agro do Rolo e a zona do Miño.

Martes, 20 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Medio Ambiente estuda a cubrición do parque da Fonte dos Ranchos para mellorar as dotacións do barrio da Residencia

O Executivo de Lara Méndez avanza no Plan de Renovación Integral dos parques infantís da cidade.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, daba conta hoxe de que o seu departamento está a avaliar o procedemento máis axeitado para proceder á cubrición do parque infantil da Fonte dos Ranchos, “un proxecto –dixo- que transformará un espazo moi concorrido pola cidadanía lucense e que incrementará a súa versatilidade permitindo que as familias o poidan utilizar durante todo o ano, nas mellores condicións tanto en inverno coma no verán” apuntou.

O edil lembrou que “a actuación obedece ao compromiso adquirido pola rexedora, Lara Méndez, coa veciñanza, durante os encontros cidadáns que a mandataria mantivo ao abeiro do programa de embelecemento urbano ‘Dito e Feito’, no que as persoas residentes nas diferentes contornas da capital nos foron trasladando as súas necesidades e demandas”.

“Deste xeito, continuamos a aplicar o concepto de espazos modernos e innovadores que xa iniciamos nas anteriores remodelacións executadas e estamos a avaliar agora cales son as condicións máis idóneas para cubrir esta área de xogos, que é moi complexa porque queremos respectar o arboredo existente, de forma que redunde na comodidade das persoas usuarias pero se garanta tamén a visibilidade da vexetación e o seu coidado”, indicou Miguel Fernández.

O responsable de Medio Ambiente afirmou que a intervención contribuirá a mellorar as dotacións existentes no barrio da Residencia onde a rexedora xa anunciou que consensuará coa Xunta de Galicia a creación de máis prazas de estacionamento que dean servizo ante a próxima apertura do Centro Integral de Saúde.

Fernández engadiu que o Concello tamén ten previsto acondicionar outros dous espazos infantís sitos na mazá como son o inferior, fronte aos xardíns de Simón Bolívar na Rolda do Carme, e o ubicado na rúa Quiroga.

Entre os parques da cidade renovados nos últimos meses destacan os de San Roque, Río Mandeo, na Avenida das Américas e a cubrición de Augas Férreas.

Noticias relacionadas