Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 16 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Filtros de seguridade viaria

Durante os filtros de seguridade viaria levados a cabo, durante a tarde do xoves 15, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio e da Unidade de Atestados, puideron detectar e denunciar as seguintes infraccións:

  • Un vehículo circulando sen ter concertado o seguro obrigatorio e, ademais, presentando a inspección técnica periódica con resultado desfavorable con antigüidade superior a dous meses. O vehículo foi inmobilizado no depósito municipal.
  • Outro vehículo circulando sen ser sometido á ITV periódica no prazo debido.
  • Un vehículo con placa de empresa circulando sen o correspondente boletín obrigatorio que debe acompañar ás placas vermellas; facendo, por tanto, un uso irregular das mesmas.
  • Persoa conducindo un turismo facendo uso dun permiso de conducir expedido en Venezuela, sen ser susceptible de troco por un español e, ademais, fóra do seu período de vixencia, polo que dita autorización foille intervida.
  • Condutor denunciado por conducir de forma temeraria, posiblemente nun intento de eludir o control policial.
  • Condutor denunciado por conducir de forma neglixente, xa que inicialmente circulaba a unha velocidade notoriamente superior á aconsellable para a vía e, ao ver o control policial, realizou unha freada brusca.
  • Durante a quenda de noite, o Grupo Operativo Nocturno, realizou un control de velocidade no que foron detectados 11 vehículos superando a velocidade máxima permitida.
  • Tamén foron localizados dous condutores que manexaban os seus automóbiles cunha taxa de alcol superior á máxima permitida, lanzando resultados de 0.33 e 0.36 / 0.35 e 0.30 mg/L.

Incendios

Ás 20’00 horas do xoves, os axentes de Policía de Barrio son comisionados nunha vivenda da Ronda das Fontiñas, onde se está producindo un incendio. Unha vez no lugar, os axentes comproban que se trata da cociña do piso, sendo o lume controlado polo Servizo de Extinción de Incendios. Durante o traballo dos Bombeiros fíxose necesario cortar ao tráfico rodado unha das calzadas da citada rolda.

Non resultou lesionada ningunha persoa xa que, as dúas que se atopaban no inmoble nese momento, en canto observaron o fume producido polo incendio, saíron ao exterior e avisaron aos servizos de emerxencia.

Ás 2’00 horas do venres, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno observa un colector en chamas na Ronda das Fontiñas, achándose ao seu lado un operario da empresa de limpeza, que ao pasar polo lugar viu como o colector comezaba a expulsar fume, polo que o apartou dun vehículo próximo, para evitar que resultase danado.

A pesar de que os axentes fixeron uso do extintor regulamentario que portan no vehículo policial, controlando momentaneamente as chamas, e da rápida intervención do Servizo de Extinción de Incendios, o contedor resultou completamente calcinado.

Noticias relacionadas