Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 01 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Accidente de circulación en centro urbano

Sobre as 15:00 horas do día 31 de xaneiro un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo toma declaración a unha persoa que interpón denuncia por un atropelo na rúa Lamas de Prado, manifestando que momentos antes, cando se achaba en compañía do seu fillo e o seu can e cruzaban por un paso de peóns, un vehículo golpeou ao can á altura da cabeza, tratándose dun cachorro, comezando este a vomitar, logrando apartar cara atrás cun movemento rápido ao seu fillo, indicando que o vehículo fixo un pequeno simulacro de frear, gritándolle ao condutor varias testemuñas pero non se detivo e continuou a marcha.

Unha vez que o equipo de Atestados recibe a declaración desta persoa, iníciase unha investigación para a identificación do condutor, localizándoo no seu domicilio, manifestando nun primeiro momento que non movera o vehículo en toda a mañá pero ante o interrogatorio dos axentes recoñeceu que si circulara e que era consciente dos feitos denunciados pero que continuou a marcha ao ver que non resultou ferido ninguén.

O can foi levado ao servizo veterinario, achegando ao atestado o correspondente informe de lesións, instruíndose as correspondentes dilixencias por estes feitos.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 8:20 horas do día 31 de xaneiro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á rúa Ourense xa que unha señora está asomada á xanela dun edificio pedindo auxilio. Os axentes preséntanse de inmediato e desde o interior dunha vivenda escoitan a un matrimonio que non daba aberto a porta da entrada, motivo polo cal os axentes lles dan unhas instrucións e ao fin logran abrir a porta, observando que a señora se achaba moi nerviosa e desorientada, solicitando a presenza dunha ambulancia na que é trasladada ao considerar que necesita valoración médica e tratamento. Os axentes localizan a unha familiar que se presenta no domicilio quedando ao cargo do marido.

Sobre as 11 horas do mesmo día unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo trasládase ás inmediacións do HULA observando que hai unha muller chorando, manifestando aos axentes que non ten onde ir e que ten moito frío. Os axentes tranquilízana, manifestando que fora dada de alta e que non tiña onde ir e que non quería quedar na rúa co frío que facía, dándolle a posibilidade de levala ao Fogar do Transeúnte pero rexeitándoo, sendo trasladada á Cruz Vermella para a súa atención.

Noticias relacionadas