Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 14 ao 16 de maio/21

Martes, 18 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Delitos contra a seguridade viaria en accidentes de circulación

O día 15 o equipo de Atestados da Policía Local de Lugo tivo que intervir en dous accidentes de circulación no centro urbano do que se abriron dilixencias por delito contra a seguridade viaria.

O primeiro prodúcese sobre as 19,15 horas no vial de acceso a Rolda Norte desde Infanta Elena, no que participan dous vehículos. Os dous ocupantes dun deles son trasladados ao HULA por unha dotación do 061, ao presentar feridas leves e o condutor do outro vehículo, que presenta signos de embriaguez, é requirido para a realización das probas de detección alcohólica ao verse implicado no accidente, NEGÁNDOSE a realizar as probas regulamentariamente establecidas, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Ás 22,40 horas prodúcese un accidente de circulación na rúa Portugal, estando implicados dous vehículos, resultando con danos materiais e ferido un dos condutores, que non reviste gravidade.

Os axentes observan que un dos condutores presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,76 mg/ l, polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

O 17 de maio prodúcese un accidente de circulación na rúa  Rof Carballo, no que están implicados dous vehículos, resultando con danos materiais.

A condutora dun dos turismos presenta signos de embriaguez polo que é sometida ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado  POSTIVO de 1,36 mg/ l (case seis veces máis que a taxa máxima permitida), sendo investigada como autora dun delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Recuperación dun vehículo roubado

Sobre as 9,25 horas do día 14 de maio/21, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, de servizo pola Fonte dos Ranchos, localiza estacionado un vehículo que figura nas bases de datos policiais como subtraído, desde febreiro deste ano, polo que é retirado polo servizo de guindastre ao Depósito onde queda inmobilizado, sendo localizado o seu propietario ao que se lle informou da recuperación do vehículo.

Intervencións en vivendas particulares por ruídos

A primeira intervención prodúcese sobre as 00,35 horas do día 15 de maio cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da rúa Otero Pedrayo xa que segundo denuncian os veciños, nunha vivenda está a levarse a cabo unha festa.

Os axentes comproban que se escoita ruído de actividade humana, que perturba o descanso, polo que se procede á identificación da responsable, observando que no piso áchanse catro persoas non conviventes, sendo informadas que deben abandonar a vivenda antes da 1,00, xa que a partir desta hora están prohibidas as reunións de non conviventes, cesando nas molestias e abandonando a vivenda as persoas non conviventes.

A segunda intervención prodúcese sobre as 2,30 horas do día 15 cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno acode a unha vivenda da  rúa Santo Grial, onde se produce ruído por actividade humana en ton alto, identificando o seu responsable, sendo requirida para que cesen as molestias, o que fai ao instante.

A terceira intervención prodúcese sobre as 2,55 horas do día 16 de maio, onde unha patrulla acode a unha vivenda da  rúa  Agro da Torna, onde os axentes comproban que se escoita música e cánticos en ton moi alto que perturba o descanso dos veciños, sendo identificado o responsable, requiríndolle para que cesen as molestias, o que fai ao instante, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

A cuarta intervención prodúcese sobre as 3,15 horas nun edificio da rúa Luís Peña  Novo, xa que os veciños denuncian ruídos molestos que proveñen dunha vivenda.

Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode e comproba que se escoita ruídos de actividade humana e fortes golpes de portas, identificando á responsable, requiríndoo para que cesen as molestias, o que fai ao instante e levantando acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

A quinta intervención prodúcese sobre as 4,00 horas nun edificio da  rúa Otero Pedrayo, xa que os veciños denuncian ruídos que proveñen dunha vivenda.

Os axentes comproban que se escoita música en ton moi alto, polo que se procede á identificación do responsable, manifestando que non era consciente das  molestias que producía, sendo requirido para que cesen, o que fai ao instante, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Control normas  COVID

Durante esta fin de semana, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, estableceron dispositivos para o control do cumprimento da normativa  COVID, levantando 15 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por incumprimentos da limitación de permanencia de grupos de persoas en espazos públicos e privados.

Lembrar desde a Policía Local de Lugo que desde o 9 de maio, entre a 1,00 e as 6,00 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como abertos ou ao aire libre e en espazos de uso privado quedará limitada aos constituídos EXCLUSIVAMENTE por persoas CONVIVENTES.

Noticias relacionadas