Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 5 ao 7 de febreiro de 2021.

Luns, 08 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Ruídos en interior de vivendas

Sobre as 2:05 horas do día 6 de febreiro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio do polígono do Sagrado Corazón, xa que os veciños denuncian ruídos que proveñen dunha vivenda. Os axentes comproban que se escoita ruído de música en ton moi alto, polo que proceden a chamar á porta do domicilio, momento no que cesan os ruídos, sen que abrise ningunha das persoas que se achaban no interior. Con todo, cos datos obrantes nas bases policiais, levántase acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental, co agravante de non colaboración cos axentes da autoridade.

Ás 20:45 horas do día 6 de febreiro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que compareza nun edificio da rúa Serra Gañidoira xa que os veciños denuncian ruídos molestos que proveñen dunha vivenda. Os axentes desde a beirarrúa escoitan ruídos de música en volume moi elevado, entrevistándose co requirente o cal manifesta que continuamente soporta ruídos “enxordecedores” de música que proveñen dese domicilio, chegando mesmo a enviarlle á veciña mensaxes por redes sociais pedíndolle que cesen as molestias, recibindo malas contestacións, polo que non tivo máis remedio que denunciar estes feitos. Os axentes identificaron á responsable, requiríndolle para que cesasen as molestias, o que fixo ao instante, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Ás 23:55 horas do día 6 de febreiro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo comparece nun edificio da Avenida da Coruña, xa que segundo chamadas dos veciños, desde unha vivenda escóitanse ruídos que imposibilitan o descanso. Os axentes comproban que se escoita ruído de actividade humana polo que identifican aos responsables, os cales manifestan que non eran conscientes das molestias que causaban, cesando ao instante.

Ás 1:20 horas do día 7 de febreiro, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo trasládanse a un inmoble da Calzada das Gándaras xa que segundo denuncian os veciños, escóitanse ruídos que impiden conciliar o sono. Os axentes localizan a vivenda da que provén ruído de música en ton moi alto e voces de persoas, polo que se identifican aos responsables, sendo requiridos para que cesen as molestias o que fan ao momento.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 1:50 horas do día 7 de febreiro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo comparece nunha vivenda da rúa Tres Marías xa que ao parecer unha persoa de avanzada idade caera no seu domicilio e os seus familiares eran incapaces de levantalo. Os axentes comproban que un home de 83 anos estaba no chan do dormitorio e tanto a súa filla como a súa esposa non podían levantalo, sendo os axentes os que auxilian a esta persoa incorporándoo e deixándoo na cama, rexeitando asistencia médica e quedando ao cargo da súa familia.

Filtros de seguridade viaria

Durante a fin de semana, efectivos da Policía Local de Lugo, realizaron diferentes “filtros de seguridade viaria”, nos que se localizaron DOUS vehículos sobre os que pesaba mandamento de captura e depósito por embargo, sendo trasladados polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal onde quedan precintados ao dispor da Autoridade competente.

Así mesmo, interceptouse a DOUS vehículos que carecían de SOA e que foron inmobilizados ata que o seu titular presente contrato en vigor de seguro que cubra a responsabilidade civil derivada da súa circulación. Esta conduta leva aparellada multa de 1.500 euros.

Igualmente, procedeuse á retirada co guindastre municipal dun remolque de matrícula estranxeira, estacionado sen o vehículo tractor e que representaba un perigo para a seguridade viaria.

Durante estes controis levantáronse CATRO actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia polas seguintes infraccións:

  • 1 acta de denuncia por fumar en lugar de tránsito público sen manter a distancia de seguridade interpersoal.
  • 1 acta por quebrantar o horario de peche dun establecemento comercial.
  • 1 acta por circular entre as 22:00 e as 6:00 horas sen causa xustificada.
  • 1 acta por transitar sen máscara de protección obrigatoria.

Todas estas infraccións levan aparelladas multas de 500 euros fóra da infracción de non utilizar a máscara que leva proposta de sanción de 100 euros.

Noticias relacionadas