Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 18 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Filtros de seguridade viaria

Na noite do día 17 ao 18 de febreiro, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo estableceron diversos “filtros de seguridade viaria” en vías do centro urbano da cidade para o control do estado dos vehículos e documentación de condutores, condutas infractoras que afectan á seguridade viaria e control de alcoholemia e drogas.

Durante estes filtros detectáronse varias infraccións sendo as máis relevantes:

  • A condución dun vehículo con placas de matrícula que non se corresponden con tipos homologados, tendo dimensións reducidas distintas ás regulamentarias. Infracción Grave. Leva aparellada multa de 200 euros.
  • Realización de reformas de importancia nos vehículos. Infracción Grave. Multa de 200 euros.
  • Non presentar o vehículo á Inspección Técnica Periódica no prazo debido. Infracción Grave. Multa de 200 euros.
  • Circular cun menor de idade, de estatura igual ou inferior a 1’35 cms, sen utilizar un sistema de retención infantil homologado, debidamente adaptado á súa talla e peso. Infracción Grave. Multa de 200 euros.
  • Non utilizar o condutor dun vehículo o cinto de seguridade, correctamente abrochado. Infracción Grave. Multa de 200 euros e a retirada de 3 puntos do permiso de condución.
  • Circular cun vehículo levando instaladas máis luces que as regulamentariamente admitidas. Levaba dúas liñas de “led” acesas na parte inferior da defensa dianteira. Infracción Grave. 200 euros de multa.

Así mesmo detectáronse dous vehículos sobre os que pesaba mandamento de procura, captura e depósito por embargos, sendo trasladados polo servizo de guindastre ao depósito municipal onde se procedeu ao seu PRECINTO.

Axuda humanitaria

Na tarde do día 17 de febreiro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acode ao portal dunha vivenda da cidade xa que ao parecer está un neno chorando porque non había ninguén na súa casa. Os axentes ao chegar ao lugar comproban que o neno está en compañía de varias persoas e pescudan que foi trasladado por uns familiares deixándoo no edificio e que ao subir á súa vivenda e non responder ninguén baixou ao portal e púxose a chorar. Que os axentes acompañan ao neno ata a vivenda chamando fortemente á porta de entrada, abrindo unha señora que resultou ser a avoa do menor e que non escoitou a chamada do neno. Os axentes entregaron o neno á súa avoa que se fixo cargo, pescudando que vive coa súa nai e outros dous irmáns.

Noticias relacionadas