A actuación en Cacabelos (Mazoi), financiada cos remanentes do Plan Único 2023, contou cun investimento de 34.040 euros.
A mellora do acceso aos Lagos de Teixeiro, realizada co AGADER 24-25 a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ascendeu a 105.368 euros.
“Estas intervencións reflicten o noso compromiso por achegar solucións efectivas ás demandas do rural e potenciar a calidade de vida da veciñanza”, destacou a edil de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira.

A área de Cohesión Territorial do Concello de Lugo vén de rematar dúas importantes actuacións na rede viaria rural no núcleo de Cacabelos (Mazoi) e no acceso aos Lagos de Teixeiro. “Cada paso que damos no acondicionamento das vías rurais contribúe a fortalecer o rural, ofrecendo á veciñanza infraestruturas máis seguras e accesibles, e mellorando o día a día das familias que viven nestas parroquias”, destacou a edil Ana González Abelleira.
A primeira das actuacións, en Cacabelos (Mazoi), consistiu na mellora do firme dunha estrada mediante pavimentación con materiais de alta resistencia. Esta obra, financiada cos remanentes do Plan Único 2023, contou cun investimento de 34.040 euros e permitiu acondicionar un trazado clave para a conectividade da parroquia.
Por outra banda, acometeuse o acondicionamento do acceso municipal aos Lagos de Teixeiro, unha área recreativa de gran valor natural e histórico. Os traballos incluíron a mellora do firme mediante aglomerado en quente, así como labores adicionais para garantir a durabilidade e a seguridade da infraestrutura. Esta intervención realizouse grazas ao plan AGADER 24-25, a a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), cun investimento de 105.368 euros.
“Estas actuacións exemplifican o valor de traballar conxuntamente con diferentes administracións para atender as necesidades do rural. Esta colaboración permítenos ofrecer respostas efectivas e avanzar na revitalización das parroquias”, engadiu Ana González Abelleira.
Audio
- A edil de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, sobre as melloras na rede viaria rural | Descargar mp3




