Cohesión Social e Territorial remata o acondicionamento e mellora da estrada da parroquia de Calde e inicia unha nova actuación na de Veral

A concelleira responsable desta área, Ana González Abelleira, sinala que “tanto a obra de Calde como a do Veral suporán un gran avance nas comunicacións das parroquias”.

Entre os obxectivos desta intervención está o de mellorar a seguridade do tráfico rodado e peonil, polo que ademais de intervir no pavimento se colocará sinalización vertical. 

Esta previsto que os traballos de substitución dunha obra de paso no Rego de Pías, na parroquia de San Vicente do Veral, estean rematados no vindeiros mes de marzo.

Venres, 17 de xaneiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cohesión Social e Territorial remata o acondicionamento e mellora da estrada da parroquia de Calde e inicia unha nova actuación na de Veral

A unidade de Medio Rural da área de Cohesión Social e Territorial vén de rematar a obra de acondicionamento e mellora da estrada municipal da parroquia de Calde e de xeito inmediato comezará outra nova intervención, no paso sobre o Rego de Pías, no cruzamento coa estrada local que comunica a igrexa da parroquia de Veral coa de Orbazai. Trátase de dúas actuacións importantes, canalizadas a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos, que segundo explica a concelleira responsable desta área, Ana González Abelleira, “suporá un gran avance nas comunicacións entre parroquias, entres estas e os núcleos urbanos e tamén unha mellora no que respecta á seguridade viaria, tanto do tráfico rodado como do peonil”. Entre ámbalas dúas actuacións se inviste preto de 100.000 euros, “para seguir mellorando as prestacións e os servizos das parroquias rurais do noso municipio”, sinala González Abelleira.

A obra de Calde, cun orzamento de máis de 40.000 euros, consistiu na pavimentación dunha vía e dun ramal no citado núcleo rural, que presentaba un mal estado de conservación. Para reverter o seu estado actual se actuou nunha lonxitude de 520 metros no camiño principal e noutros 40 metros do ramal, que non estaban pavimentados de formigón. A mellora da pavimentación consistiu nun estendido de mestura asfáltica en quente de 5 centímetros de espesor, incluíndo un 20 por cento de regularización previa coa mesma mestura, o que sen dúbida cambiou radicalmente a rega asfáltica que estaba moi deteriorada.

Ademais, a intervención tamén incluíu a limpeza de cunetas e a colocación de dúas sinais de STOP, contribuíndo así á mellora da seguridade viaria, dotando á vía dun asfalto e pavimentación adecuadas, mellorando a súa visibilidade e tamén a sinalización vertical da estrada.

Unha vez rematada esta obra, esta mesma semana deron comezo os traballos na parroquia do Veral. A intervención prevista neste núcleo rural, cun investimento de máis de 35.000 euros, servirá para acometer a substitución dunha obra de paso no Rego de Pías ao seu paso pola parroquia de San Vicente do Veral.

Neste sentido, a concelleira Ana González Abelleira sinalou que “a intervención para esta zona consistirá na demolición do pavimento atinxido pola obra de paso, así como na escavación e colocación do novo tubo, cun diámetro 1.800 milímetros e o posterior recheo do mesmo, coa colocación de aletas de pedra granítica e a reposición da calzada mediante un firme de 20 centímetros de zahorra”. Está previsto que esta actuación estea rematada no vindeiro mes de marzo.

Ademais, posteriormente se procederá á pavimentación con triple rega asfáltica, uns traballos que consisten na aplicación de un ou varios regos de emulsión asfáltica sobre a superficie a tratar, seguida de material pétreo triturado e do seu posterior fixación co paso dunha máquina compactadora. Deste xeito, se consigue unha maior durabilidade do asfalto, unha maior adherencia e, polo tanto, máis seguridade.

Audio

  • A edil de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, sobre as obras no rural | Descargar mp3

Multimedia

  • Cohesión Social e Territorial remata o acondicionamento e mellora da estrada da parroquia de Calde e inicia unha nova actuación na de Veral
  • Cohesión Social e Territorial remata o acondicionamento e mellora da estrada da parroquia de Calde e inicia unha nova actuación na de Veral
  • Cohesión Social e Territorial remata o acondicionamento e mellora da estrada da parroquia de Calde e inicia unha nova actuación na de Veral

Noticias relacionadas