COGAMI inaugura en Lugo instalacións de atención a persoas con discapacidade

A Alcaldesa e o Conselleiro de Política Social acompañaron aos presidentes de COGAMI e COGAMI Lugo durante a inauguración deste centro duns 1.525m2, entre aulas de formación, orientación laboral, información e asesoramento

Lara Méndez subliñou que “a apertura deste centro de día é un paso máis para dar novas oportunidades e para buscar a inclusión social e a inserción en todos os eidos, incluída a laboral”

Martes, 26 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COGAMI inaugura en Lugo instalacións de atención a persoas con discapacidade

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inaugurou as instalacións que ten en Lugo, no número 4 da rúa da Luz, no polígono de Fingoi, un espazo de 1.525 metros cadrados construídos que acolle servizos de información, formación, asesoramento, orientación, centro de día e un obradoiro prelaboral, dirixidos tanto a persoas con discapacidade como ás súas familias.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey; a Delegada Territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; a Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro; a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González; integrantes dos grupos municipais ademais de presidentes e representantes de entidades sociais, acompañaron aos presidentes de COGAMI, Anxo Queiruga, e de COGAMI Lugo, José Luis Lolo, durante a visita polas novas instalacións que inaugurou hoxe a Confederación, un centro que en palabras de Anxo Queiruga “é un exemplo de Centro de Recursos, que dispón de centro de día, aulas de formación, un equipo de Intermedición Laboral, un equipo de traballo social, e un longo etcétera de apoios para que as persoas con discapacidade de Lugo acaden a maior independencia posible”.

Durante o acto de inauguración, a Alcaldesa lembrou os máis de 25 anos de traxectoria de COGAMI. “Aínda queda moito por realizar, pero a apertura deste centro de día é un paso máis para dar novas oportunidades e para buscar a inclusión social e a inserción en todos os eidos, incluída a laboral”, subliñou Méndez quen quixo lembrar que o pasado ano na provincia de Lugo, Cogami conseguira realizar 364 insercións laborais, o que pon de manifesto que na diversidade da discapacidade, todos temos capacidades”.

A rexedora tamén fixo fincapé nos obstáculos que superan cada día os usuarios, coa axuda dos monitores, “que vos axudan a buscar o voso espazo na sociedade”, das organizacións e das adminsitracións. “Entre todos temos que ser capaces de buscar unha inclusión real. Non podemos prescindir de ningunha parte nin de ningún sector da sociedade. Senon somos capaces de buscar esa igualdade real estamos fallando como sociedade”, asegurou Méndez, ao tempo que facía fincapé na firme aposta do Concello polas políticas sociais, ás que se destina un 21% dos orzamentos deste 2016, o que implica 19 millóns de euros, sendo Lugo o primeiro municipio de Galicia e o 5º de España que máis inviste en benestar, aspirando a seguir subindo neste ránking, tal e como anunciou a Alcaldesa. “As políticas sociais son esencias para unha sociedade de dereito, que cre na igualdade de oportunidades reais”, sentenciou.

COGAMI abre o primeiro punto de atención en Lugo en 1993, co fin de prestar servizos de formación e orientación laboral ás persoas con discapacidade da provincia. Pero non só se cobren estas necesidades en Lugo. A finais de 2015 inicia un servizo de atención terapéutica diúrna, o que coñecemos como centro de día, co fin de proporcionar atención integral e personalizada a persoas con discapacidade física en situación de dependencia. Este servizo, que conta con 60 prazas homologadas, 25 destas públicas (das que actualmente están ocupadas 20 prazas), potencia as actividades básicas e instrumentais da vida diaria, imparte formación en novas tecnoloxías de apoio e adaptacións técnicas, e desenvolve actividades de lecer e tempo libre.

A obra de remodelación do centro de Fingoi custou 860.000 euros. O 76,5% foi financiado en 2009 a través da convocatoria do 0,7% do IRPF do Ministerio de Sanidad y Política Social, grazas ás persoas contribuíntes que marcan a casiña de Fins Sociais cando fan a declaración da renda. A Fundación ONCE foi o outro financeiro, aportando o 23,5% do custo restante.

Servizos que presta COGAMI en Lugo

Ademais do centro de día, nestas instalacións de Lugo, COGAMI conta cunha área de Emprego constituída por un equipo de 4 orientadores laborais, que atenden tanto en oficina como tamén se desprazan a zonas rurais tres días á semana, para facilitar a atención e evitar os desprazamentos das persoas usuarias, e 1 técnica de inserción laboral que desenvolve un plan integrado de emprego no que participan 12 persoas.

Actualmente, COGAMI ten apuntadas como demandantes de emprego 2.453 persoas con discapacidade na provincia de Lugo (1.527 homes e 926 mulleres), sendo do concello de Lugo 993 persoas (598 homes e 395 mulleres). Durante 2015, foron 84 as persoas novas que entraron a formar parte da base de datos, destas 48 son homes.

En 2015, esta área de Emprego orientou a 223 persoas, das que 94 están empadroadas no concello de Lugo, mediante entrevistas persoais nas que se clarifican os intereses profesionais e informa sobre as tendencias do mercado laboral e como se pode realizar unha busca activa de emprego. Moitas destas insercións laborais prodúcense tralas visitas ás empresas, nas que se sensibiliza ao empresariado na contratación de persoas con discapacidade, ademais de informarlles dos beneficios fiscais e das axudas para a adaptación dos postos de traballo. Visitáronse 107 empresas e xestionáronse 214 ofertas de emprego que deron como resultado a inserción laboral de 246 persoas da provincia, das que 122 viven no concello lucense.

Outro dos programas que se levan a cabo en Lugo para favorecer a inclusión laboral das persoas con discapacidade é o obradoiro Xeira que está dirixido a 12 persoas con discapacidade física e tamén intelectual, pero ademais, debido a factores externos como son ambientais ou déficits formativos, non poden acceder a outros recursos existentes como centros de día ou residenciais. A través deste programa preténdese que estas 12 persoas adquiran coñecementos e habilidades que lles permitan mellorar destrezas de cara á incorporación laboral.

Punto de formación Incorpora de La Caixa

En Fingoi hai aulas homologadas para impartir cursos orientados cara ao acceso ao mercado laboral. Moitas das persoas chegan cun baixo nivel formativo, polo que a busca de oportunidades laborais debe pasar, en primeiro lugar, pola formación. Durante o ano pasado impartíronse 6 cursos: de operacións auxiliares e servizos administrativos, operacións auxiliares en viveiros e xardíns, de gravación e tratamento de datos, de xardinería, de auxiliar de caixa e reposición, de operación auxiliar de oficina e gravador de datos. En total, foron 65 persoas as que se formaron en Lugo.

Pero ademais, dende o ano pasado, a rede Incorpora ten operativo nas instalacións de COGAMI en Lugo un punto formativo ao que acceden persoas que teñen uns perfís con maiores dificultades de inserción laboral porque forman parte dos grupos sociais máis vulnerables, como poden ser xente moza, persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración e ex reclusos. COGAMI é unha das cinco entidades galegas que forma parte do programa de integración laboral Incorpora, que financia a Obra Social "la Caixa", sendo as outras restantes Igaxes3, Fundación Érguete-Integración, APES, FEAFES Galicia, e inclúense Cruz Vermella Lugo e Cruz Vermella Ourense, no marco dun acordo estatal.

Outros dos servizos que se prestan son de intervención social, 2 traballadoras sociais son as primeiras en atender ás persoas que se achegan por primeira vez a COGAMI, para coñecer cales son as necesidades que demandan, que ademais de formación ou emprego, poden ser asistencia persoal, accesibilidade no fogar ou tamén como solicitar os recursos sociais. Durante o pasado ano, esta área de traballo social atendeu na provincia 303 consultas, das que 203 foron do concello, e realizou 42 intervencións, sendo 26 persoas do concello lucense.

COGAMI

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade é unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública e constituída por 55 asociacións e delegacións de entidades de persoas con discapacidade física e orgánica. Presta servizos ás persoas con discapacidade e xestiona directamente 12 iniciativas empresariais de economía social que empregan a máis de 800 persoas. Moitas destas iniciativas empresariais xurdiron a partir de proxectos europeos.

A misión de COGAMI é a de conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación do asociacionismo e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas, e para conseguilo, réxese por uns valores como a defensa de dereitos das persoas con discapacidade, a igualdade, a solidariedade, a participación, a implicación social e a independencia.

Noticias relacionadas