Boa acollida da V Feira Ecolóxica de Lugo, que pechou esta edición cun volume de negocio de máis de 7.000 euros

Produtos da horta, viño, queixos, prantas aromáticas e patés foron os produtos máis vendidos nesta edición de Ecolugo, organizada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia coa colaboración do Concello

Luns, 24 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A V Feira Ecolóxica de Lugo, que acolleu a Praza Maior o pasado venres e sábado, pechou esta edición cun volume de negocio de máis de 7.000 euros. Trátase dunha celebración posta en marcha polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) coa colaboración do Concello de Lugo para potenciar a comercialización dos produtos ecolóxicos autóctonos de calidade.

A entidade local colabora neste certame, posto que a produción ecolóxica supón unha oportunidade económica para o Concello. De feito, no municipio hai máis dunha docena de operadores que comercializan con produtos ecolóxicos; representando a superficie da provincia lucense en produción ecolóxica preto do 47% do total da superficie autonómica. A produción total de Lugo incrementouse nun 1,16 millóns de euros, converténdose na primeira provincia galega por volume de produto certificado, representando o 35,75% do total.

A provincia de Lugo ten grande diversidade de produtores, destacando por número de inscritos e volume as producións de orixe animal e a recolleita silvestre, fundamentalmente de castaña. Os produtos lácteos representan máis da metade da produción certificada na provincia, principalmente leite e diversos tipos de queixo.

Os produtos máis vendidos nesta quinta edición de Ecolugo foron produtos da horta, viño, queixos, prantas aromáticas e patés. Nesta cita participaron 9 expositores procedentes da provincia de Lugo, A Coruña e Ourense.

Noticias relacionadas