Balance de actuacións da Policía Local durante o primeiro fin de semana do San Froilán

Luns, 07 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Durante este primeiro fin de semana do San Froilán, a Policía Local de Lugo desenvolveu dispositivos permanentes para garantir a seguridade e tranquilidade da cidadanía, tanto no interior como no exterior do recinto feiral, establecendo postos fixos de bloqueo e regulación do tráfico na Porta de Santiago e na Avenida de Ramón Ferreiro, conforme ao Nivel 4 de alerta antiterrorista que se mantén decretado no municipio.

Ademais, nas noites e madrugadas do 4 ao 6 de outubro, realizáronse filtros de seguridade vial e controis de alcoholemia e drogas, sorprendendo a 6 condutores con taxas de alcohol superiores ás permitidas. Dous deles arroxaron un resultado positivo de 0,80 y 0,98 mg/l respectivamente, motivo polo cal son investigados por un delito contra a seguridade vial. Ao resto de condutores abríuselles expediente sancionador con multa de 500 euros e 4 puntos de retirada do permiso de conducir, aplicándoselle a un deles unha multa de 1000 euros e retirada de 6 puntos por superar a taxa de 0’50 mg/l.

Do mesmo xeito, nun dos controis foi detectada unha persoa co permiso con pérdida de vixencia, presentando síntomas compatibles coa presenza de drogas no organismo, polo que lle foron realizadas as probas regulamentarias arroxando un resultado positivo en cocaína. Instrúense dilixencias por un delito contra a seguridade vial.

Pola súa banda, a Unidade de Atestados interveu en 14 accidentes de circulación no casco urbano con resultado de danos materiais. Por distintas infraccións á Lei de Seguridade Vial, o Servizo de Guindastre retirou ao depósito municipal un total de 17 vehículos.

Os efectivos da Unidade Territorial da Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, destinados no recinto feiral, realizaron, á súa vez, 48 medicións con sonómetro para que o volume das atraccións que dispoñen de megafonía se axustara aos niveis de decibelios legais.

E, de igual forma, levantáronse actas de infracción á Lei de Protección de Seguridade Cidadá, por ocupacións de vía pública coa venda ambulante sen autorización, tres delas por comercializar alimentos, o que conleva aparellada unha sanción de 600 euros. Tamén foron denunciadas varias persoas por orinar na vía pública.

Os axentes levantaron seis actas por infracción á Lei de Medidas Sanitarias Fronte ao Tabaquismo, tanto a clientes que se atopaban no interior de establecementos públicos como aos seus titulares por permitir que estiveran fumando.

En canto ao control do cumprimento da normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas, levantáronse actas de infracción a dez locais por quebrantamento do horario de peche e ter música sen autorización.

Asemade, foi precintado un vehículo sobre o que pesaba un mandamento de búsqueda, captura, depósito e precinto por embargo da Administración Pública.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o balance de actuacións da Policía Local durante o primeiro fin de semana do San Froilán | Descargar mp3

Noticias relacionadas