Avanzan as obras de renovación da estrada LU-P- 2901 que dará servizo a unha decena de parroquias e ao Camiño de Santiago

A alcaldesa de Lugo, o presidente da Deputación e o concelleiro de Medio Rural supervisaron a evolución que seguen os traballos que terán un prazo de execución de 9 meses.

Lara Méndez subliñou a transcendencia da intervención que mellorará as comunicacións e a seguridade viaria ao seu paso por San Xoán do Alto, O Burgo, Bacurín, Poutomillos e San Pedro de Mera.

A institución provincial suma xa un investimento nesta vía de 610.000€ para manter o tránsito de usuarios e usuarias coas mellores garantías de comodidade e seguridade.

Mércores, 18 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Avanzan as obras de renovación da estrada LU-P- 2901 que dará servizo a unha decena de parroquias e ao Camiño de Santiago

Os traballos de renovación da estrada provincial que une Lugo con Guntín, a LU-P-2901, ao seu paso polo Burgo, avanzan a bo ritmo.

Así o puideron constatar de primeira man a rexedora de Lugo, Lara Méndez, o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández e o presidente da Deputación, José Tomé, que supervisaron a execución dos labores.

Unha intervención que, segundo Lara Méndez, ten unha gran transcendencia “en tanto esta estrada non só dá servizo a máis de media ducia de parroquias lucenses como San Xoán do Alto, O Burgo, Bacurín, Poutomillos e San Pedro de Mera senón tamén doutros concellos, como o de Guntín, mellorando as comunicacións e a seguridade viaria nunha zona que soporta moita densidade de tráfico e na que, ademais, temos constancia da presenza de moitas explotacións agropecuarias”.

A alcaldesa incidiu no feito de que o seu acondicionamento “reverterá na calidade de vida das e dos veciños do rural, contribuirá a incrementar as dotacións para diminuír a brecha de infraestruturas que aínda existe entre os núcleos e a contorna urbana, ao tempo que redundará igualmente no aspecto turístico e patrimonial ao contar, esta vía, con outra peculiaridade máis como é que parte do seu itinerario coincide en moitos treitos co Camiño Primitivo”.

Pola súa parte, o concelleiro responsable de Medio Rural, Miguel Fernández, fixo fincapé en que a obra foi un compromiso da rexedora coa veciñanza ao que foi receptivo a Deputación e incidiu na importancia da colaboración institucional, de maneira que “nun momento coma este, de recuperación dos municipios, as Administracións temos a obriga de camiñar da man para acadar un maior aproveitamento dos recursos públicos. Por iso, logo de ir avanzando anteriormente noutras fases de mellora desta estrada, para o Concello de Lugo resultaba fundamental que se atendera esta demanda cidadá que dende hai tempo a veciñanza nos viña solicitando, como así llo fixemos chegar á Deputación”, salientou o edil.

Precisamente, o presidente do organismo Provincial, José Tomé, explicou que con esta actuación se está a rexenerar un novo tramo de preto de 8 quilómetros (entre os P.K. 5,5 e 13,1) ao seu paso polo concello lucense e destacou que esta actuación, á que a Deputación destina 350.000€, “demostra unha vez máis o continuo compromiso que mantemos na mellora da mobilidade, e polo tanto, na mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas. Hoxe falamos desta importante obra para Lugo, que encaixa moi ben no traballo que vén desenvolvendo a alcaldesa neste mesmo sentido", incidiu.

“A mobilidade mellora a vida da xente, axuda a fixar poboación, dinamiza a economía e o emprego, e fai competitivo a un territorio”. Por iso, na Deputación de Lugo “traballamos para seguir avanzando por manter no mellor estado as vías de comunicación da nosa provincia”. Un esforzo económico moi importante, recalcou o máximo mandatario provincial “que se reflicte no Orzamento total da Deputación xa que dedicamos un terzo a este eido, é dicir, en torno a 30 millóns de euros ao ano”.

As tarefas de rehabilitación do firme consisten na pavimentación con aglomerado en quente, a reapertura de cunetas e, finalmente, a colocación da sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas. Durante esta actuación tamén se realizan tarefas de limpeza para garantir a drenaxe nesta vía provincial.

“A Deputación suma, así, xa 610.000€ de investimento no que vai de mandato nesta estrada para manter o tránsito dos usuarios e usuarias coas mellores garantías de comodidade e seguridade”, sinalou.

En concreto, a institución provincial destinou 175.000€ para a mellora da pavimentación do firme con aglomerado entre os quilómetros 21,370 ao 25,000. Un investimento moi importante para a zona porque esta estrada provincial dá servizo ás parroquias palenses de Augas Santas, O Carballal e San Cibrao da Repostería e tamén é moi empregada polos peregrinos por situarse ao pé do Camiño de Santiago.

Ademais, estas obras dan continuidade ás acometidas pola Deputación noutro tramo da LU-P-2901, o situado entre os puntos quilométricos 3,340 e 5,400, á altura do concello de Lugo, no que a institución provincial destinou 85.000€ á mellora do firme co extendido de aglomerado en quente e a renovación da sinalización nestoutra parte da estrada.

Noticias relacionadas