A área de Urbanismo finaliza no primeiro cuadrimestre do ano o 73% dos procedementos iniciados nese período

En total, resolvéronse 1.145 solicitudes, a unha media de 13’5 ao día, das que o 67% das mesmas son relativas a comunicacións previas para a execución de obras ou instalacións menores
 
Nese tempo a sección de Licenzas concluíu 268 expedientes anteriores a 2020
 
Miguel Couto expuxo hoxe un informe do que se extrae que o 34’5% das propostas elevadas á Xunta de Goberno requiriron de 3 ou máis correccións de erros na documentación aportada
 
O edil avanza que o executivo de Lara Méndez prepara agora un Plan de Choque para axilizar a tramitación das peticións pendentes, especialmente as do ámbito rural, para o que se incorporará máis persoal

Mércores, 10 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Urbanismo finaliza no primeiro cuadrimestre do ano o 73% dos procedementos iniciados nese período

A área de Urbanismo Sostible resolveu no primeiro cuadrimestre do ano 1.145 procedementos - a unha media de 13’5 ao día - o 73% presentados durante o devandito período, e dos que o 67% gardan relación con comunicacións previas para a execución de obras ou instalacións menores.

“En total, foron validadas 114 licenzas urbanísticas, 14 de primeira ocupación, 5 segregacións, 61 prórrogas, 37 cambios de titularidade de actividade, 769 comunicacións previas de obras e 89 máis (comunicacións previas de obra) para actividades, 3 procedementos de control posterior de actividades, 30 intervencións en redes de servizos municipais, 22 devolucións de garantías e 1 declaración responsable”, detallou o edil.

Miguel Couto trasladaba hoxe as conclusións do exhaustivo informe que vén de realizar acerca da actividade desenvolvida polo seu departamento entre xaneiro e abril de 2020.

“O principal obxectivo era avaliar o funcionamento das seccións, coñecer a súa carga de traballo así como as casuísticas que lles afectan e que, en ocasións, poden demorar a tramitación municipal. Unha diagnose que agora nos permitirá tomar as medidas máis axeitadas para incrementar a celeridade na xestión e mellorar a nosa capacidade resolutiva a prol dos intereses das e dos administrados”, resumiu o concelleiro.

Miguel Couto referiu que entre os expedientes finalizados nesta primeira parte do ano figuran 268 que procedían de exercicios anteriores. “De maneira que non só se abordaron as solicitudes máis recentes senón que tamén demos pasos adiante na consecución dunha meta transcendental fixada pola rexedora, Lara Méndez, ao inicio deste mandato: chegar a 2021 co contador de autorizacións pendentes a cero”.

Neste senso, o responsable de Urbanismo Sostible indicou que, actualmente, ao redor de 90 licenzas urbanísticas agardan, para a súa conclusión, pola emisión dun informe técnico do servizo de Arquitectura, outras 40 do de Medio Rural e 20 de Enxeñería. Falamos de expedientes que, no 32’40% dos casos, precisaron dun informe sectorial ou de correccións por parte dos promotores o que alongou a súa resolución”, subliñou o edil.

Couto abondou tamén que, dunha análise ao conxunto de propostas que se elevaron á Xunta de Goberno Local durante este tempo, pódese extraer que até o 34’5% das mesmas requiriron entre 3 e 6 rectificacións ou aportacións de documentación complementaria. “O que pon de manifesto que os atrasos na súa concesión non sempre son atribuíbles ao funcionamento do Concello, senón que entran en xogo moitos factores que condionan o proceso e, polo tanto, os prazos, como pode ser a excesiva tardanza dos promotores ou particulares en dar resposta ás notificacións municipais”.

Miguel Couto aproveitou a comparecencia desta mañá para avanzar que o goberno de Lara Méndez prepara agora un Plan de Choque para poñer ao día o traballo, especialmente o que atingue ao ámbito rural, onde se acumulan máis expedientes adiados, xa que moitos esixen de autorizacións perceptivas doutros organismos. “E para levalo a cabo prevese a próxima incorporación de máis persoal que forneza as áreas integradas en Urbanismo Sostible de forma que permita compatibilizar, así, a actividade máis inmediata coa que procede de etapas anteriores”.

Para concluír, o edil tamén lembrou que a posta en funcionamento da sede electrónica, que dende setembro posibilita a presentación de documentación técnica sen necesidade de comparecer nas dependencias municipais, está a redundar nunha tramitación máis dilixente ao que tamén contribuirá a entrada en vigor do convenio asinado co Colexio de Arquitectos de Galicia grazas ao que se acortarán os tempos até no 95% dos procedementos que necesiten visados, acadando ademais unha minoración de custos e cargas administrativas para as persoas tanto físicas como xurídicas usuarias do servizo.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre os expedientes resoltos no cuadrimestre | Descargar mp3

Noticias relacionadas