A área de Transición Ecolóxica habilita un dispositivo especial de limpeza para San Froilán ao que destina máis de 50 traballadore/as

O operativo estará composto tamén por unha trintena de medios técnicos cos que se intensificará o aseo viario nas contornas de maior actividade e afluencia de público.

O persoal, que se reforzará en 20 operario/as, disporá de medios eléctricos para diminuír a emisión de ruídos durante os labores.

O Concello aumentará o número de colectores, especialmente os de vidro e na contorna das casetas do polbo, que se limpará de forma intensa cando remate o mes de outubro.

Luns, 02 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Transición Ecolóxica habilita un dispositivo especial de limpeza para San Froilán ao que destina máis de 50 traballadore/as

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Transición Ecolóxica e Impulso Rural, Miguel Fernández, deu conta esta mañá do dispositivo que o servizo municipal Luce Lugo desenvolverá durante o San Froilán.

Fernández destacou que a planificación dos traballos se levou a cabo tendo en conta a programación festiva, incidindo naquelas xornadas e espazos nas que, pola realización de espectáculos ou pola organización de actividades, se agarda unha maior presenza de público como poden ser a Praza Maior, da Soidade, Horta do Seminario e Santa María, a Mosqueira e a rúa da Raíña.

“Xa nos días previos intensificamos a roza de maleza na zona centro así como nas explanadas nas que se instalarán carpas, escenarios ou atraccións. Tamén se procedeu á eliminación de pintadas, especialmente nas Costas do Parque e na rúa Frei Plácido Rei Lemos e se limparon sumidorios e arquetas”, indicou o edil.

O responsable de área informou que, neste 2023, se fará un significativo reforzo do persoal “xa que á trintena de persoas que integran o operativo, se lle engadirá un reforzo de 17 traballadore/as en quenda de mañá e tres máis pola tarde”.

Miguel Fernández avanzou que nas vindeiras xornadas se habilitará tamén un maior número de contedores en toda a contorna. “Dentro do recinto feiral substituiranse os depósitos de carga lateral por outros de carga traseira co fin fundamental de facilitar ao máximo a recollida. Tamén se instalarán colectores de vidro na zona das casetas para tratar de recuperar as máximas cantidades deste tipo de refugallos. Recursos que se manterán durante todo o mes, mentres estean abertas as polbeiras, tras cuxo peche se realizará unha limpeza intensiva do espazo que ocuparon”, engadiu.

“A nosa intención é anticiparnos ás necesidades de limpeza nas que, sabemos, van derivar os festexos, coordinando esforzos e organizando todos os recursos, materiais e humanos, que temos á nosa disposición para actuar con inmediatez naquelas partes da capital nas que se presupón haberá concentracións de xente e acumulación de sucidade co obxecto de deixalas impecables o máis rapidamente posible para garantir que, unha vez finalizadas, non teñan repercusión nin para a veciñanza que vive e traballa nestas zonas nin sobre os eventos programados a continuación”, subliñou o concelleiro.

Tamén a este respecto, o titular de Transición Ecolóxica anunciou que se fará un aseo especial tanto no estacionamento do Seminario, onde se desenvolve o San Froilán Miúdo, como nos espazos nos que terá presenza de forma itinerante (Praza Maior, Soidade e en Bispo Aguirre) e nas localizacións previstas para os espectáculos de maxia móvil como son Agro do Rolo, Praza do Camiño Primitivo, Augas Férreas e o Castiñeiro.

“O servizo de limpeza viaria e de recollida de lixo se reforzará sinaladamente nas xornadas do 5, 7, 8 e 12 de outubro nas que se agarda un maior aforo. Para iso, Ecolugo destinará unha trintena de medios técnicos, a maioría deles equipos eléctricos que minorarán os niveis de ruído, redundando na diminución da pegada ecolóxica e no seu impacto sonoro o que se traducirá, por tanto, nunha mellora da calidade de vida da cidadanía e servirá para facilitar que eventos como o Desfile de Gando (venres 6, ás 18:00 horas) se desenvolvan sen incidencias xa que esa menor contaminación acústica evitará que os animais poidan alterarse durante o percorrido”, destacou Fernández.

Antes de rematar, o tenente de alcaldesa de Transición Ecolóxica avanzou que volverán colocarse, alén, as 4 illas emerxentes para a reciclaxe selectiva (bolsas negra, amarilla, papel e cartón e vidro) que se estrearon no Ardelucus e que irán ubicadas en puntos estratéxicos (rúa do Progreso, Santo Domingo, Amor Meilán con rúa Nova e Porta Bispo Aguirre) ao tempo que, apoiados cos triciclos eléctricos, doce traballadore/as se encargarán acometer o baleirado permanente de papeleiras e de supervisar o estado dos emprazamentos polos que discorren as charangas.

Audio

  • O concelleiro de Transición Ecolóxica e Impulso Rural, Miguel Fernández, sobre o dispositivo do San Froilán | Descargar mp3

Multimedia

  • A área de Transición Ecolóxica habilita un dispositivo especial de limpeza para San Froilán ao que destina máis de 50 traballadore/as

Noticias relacionadas