A Área de Transición Ecolóxica activa un plan especial de limpeza para a festividade de Todos os Santos

O dispositivo inclúe desbroce, baldeo e mantemento diario do cemiterio municipal, e terá lugar entre o 24 de outubro e o 2 de novembro.

"Queremos garantir que o cemiterio estea nas mellores condicións para unha data tan importante", destaca Miguel Fernández.

Sábado, 19 de outubro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Área de Transición Ecolóxica activa un plan especial de limpeza para a festividade de Todos os Santos

A Área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo, a través de Ecolugo, activará un plan especial de limpeza con motivo da festividade de Todos os Santos, que se celebrará o 1 de novembro. Este dispositivo, que se levará a cabo entre o 24 de outubro e o 2 de novembro, ten como obxectivo garantir a correcta conservación e limpeza do cemiterio municipal, tanto no seu interior como nos arredores, durante estas xornadas nas que os veciños e veciñas visitan a seus seres queridos.

O edil Miguel Fernández subliñou a importancia desta programación: "Queremos garantir que o cemiterio estea nas mellores condicións para unha data tan importante para a nosa veciñanza, co obxectivo de que poidan facer as súas visitas con total comodidade e respecto". O responsable de Transición Ecolóxica tamén destacou que "a posta en marcha deste plan reflicte o compromiso do Goberno local coa limpeza e o mantemento dos espazos públicos, especialmente en datas tan significativas para os lucenses."

Entre o 16 e o 18 de outubro xa se levaron a cabo traballos previos, centrados no desbroce da Carretera Vella de Santiago e das inmediacións do cemiterio. Para estas tarefas, empregáronse dous tractores con brazo desbrozador e o apoio de catro operarios/as equipados con desbrozadoras manuais e sopradores eléctricos.

A partir do 24 de outubro, o dispositivo de limpeza intensificarase con actuacións específicas en varias áreas clave. Nos días 24 e 25, realizarase unha limpeza a fondo na entrada principal do cemiterio, especialmente na zona dos mirtos, coa participación de dúas operarias e un vehículo eléctrico. O día 28, está previsto o fregado a alta presión do pasillo central e da entrada principal, utilizando tecnoloxía de vapor a presión (Vaporjet). Esta intervención será complementada, entre os días 28 e 30 de outubro, cun baldeo a alta presión en todos os pasillos, tanto da zona vella como da nova, a través dunha máquina hidro limpiadora. Finalmente, o 31 de outubro, realizarase un baldeo mixto nas zonas duras e accesos principais, mediante un camión cisterna.

Desde o 26 de outubro ata o 2 de novembro, dous peóns, co apoio dun vehículo eléctrico, serán os encargados de garantir o mantemento continuo do cemiterio, para que estea en óptimas condicións durante todas as xornadas de visitas.

Este plan de limpeza especial reflicte o compromiso do Concello de Lugo coa preservación dos espazos públicos, co obxectivo de proporcionar á cidadanía un entorno limpo e ben coidado para a festividade de Todos os Santos.

Multimedia

  • A Área de Transición Ecolóxica activa un plan especial de limpeza para a festividade de Todos os Santos

Noticias relacionadas