A área de Medio Rural prepara o calendario de roza nas parroquias do municipio cun investimento de 107.000 euros anuais

A Xunta de Goberno autorizará mañá a prórroga do contrato que permitirá actuar simultaneamente en catro zonas e nun total de 750 quilómetros de estradas.

Os traballos redundarán na conservación das infraestruturas viarias pero, sobre todo, na seguridade da cidadanía.

Na sesión desta semana se validarán, ademais, 6 licenzas urbanísticas que promoverán un investimento superior ao medio millón de euros.

Martes, 15 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Medio Rural prepara o calendario de roza nas parroquias do municipio cun investimento de 107.000 euros anuais

A área de Medio Rural, que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, perfila xa o calendario de roza que se levará a cabo este ano nas parroquias do concello.

Unha actuación na que o Executivo de Lara Méndez inviste cada ano 107.000 euros e coa que se pretende mellorar o estado de conservación das estradas pero, sobre todo, velar pola seguridade viaria da cidadanía.

Así, a Xunta de Goberno, autorizará mañá a prórroga do contrato para proceder á realización dos traballos. “Un expediente que foi dividido en 4 lotes – explicou o edil - co obxectivo de permitir a simultaneidade das tarefas nas zonas norte, sur, leste e oeste do termo municipal”.

Así, as adxudicatarias disporán dun prazo de tres meses para executar os labores de limpeza da maleza, tanto mecánica como manual, nos que se inclúen as dúas marxes da calzada, cunetas e gabias, pero tamén os paseos, campos da festa, explanadas ou prazas que sexan de titularidade pública.

“Intervencións que, no seu conxunto, afectan a un total de 750 quilómetros de vías e que se completan coa roza dos camiños e das pistas forestais que, durante todo o ano se acometen coa maquinaria do Parque Móbil para tratar de previr incendios”, indicou Miguel Fernández.

Outros asuntos da Orde do Día

Este é un dos expedientes que se abordarán na sesión desta semana, na que o Equipo de Goberno, aprobará, alén, a continuidade das adxudicacións actuais para a explotación do servizo das cafeterías anexas ás piscinas cubertas das Pedreiras (1.237 euros/ mes) e Frigsa, (521 €/mes), así como a do soporte e mantemento das plataformas electrónicas da E-Administración para os compoñentes TeCol e SeCol cun custo de 135.631 euros e a dos servizos bancarios que se presta cun terminal de punto de venda nas dependencias municipais.

De igual xeito, serán validadas tamén 6 licenzas para acometer diferentes actuacións urbanísticas entre as que destacan a ampliación dunha explotación avícola en Airexe, a rehabilitación dunha vivenda tradicional en Vilar ou a reestruturación dun edificio na rúa San Pedro, que, conxuntamente, promoverán un investimento de 582.694 euros.

Así mesmo, o Concello dará trámite dunha solicitude ao MITMA para que informe sobre a afectación á infraestrutura ferroviaria do desenvolvemento do Plan Parcial do Sector S-5.I do PXOM que executa a iniciativa privada e procederá á aprobación inicial do estudo de detalle para a ordenación de volumes nunha parcela do parque empresarial das Gándaras para posibilitar futuras modificacións ou ampliacións da mesma.

Audio

  • O edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre o calendario da roza no rural | Descargar mp3

Noticias relacionadas