A área de Medio Ambiente traslada á Xunta de Goberno desta semana a contratación da obra para crear unha nova Praza – Xardín na Piringalla

A intervención, cun custo de 178.746’42 euros, inclúe a instalación dunha fonte, con decoracións de cerámica, homenaxe ás lavandeiras

Mércores, 09 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Medio Ambiente traslada á Xunta de Goberno desta semana a contratación da obra para crear unha nova Praza – Xardín na Piringalla

Comeza a conta atrás para a instalación da “Fonte das Lavandeiras” na Piringalla.

Este elemento ornamental será o eixo central da nova Praza – Xardín que a Xunta de Goberno desta semana aprobou construír na confluencia entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural.

“Unha intervención que resposta á sensibilidade cidadá, xa que os residentes desta parte da capital levan tempo demandándoa, para mellorar a imaxe da contorna pero tamén como símbolo de identidade do barrio”, explica o edil Álvaro Santos.

Dende a área de Medio Ambiente, que dirixe a actuación, o seu concelleiro refire que a obra terá un prazo de execución de tres meses, dende a súa adxudicación, e un orzamento base de 178.746’42 euros (IVE incluído).

“Os traballos consistirán na realización de movementos de terras, tarefas de pavimentación para as que se empregará formigón acado impreso coloreado e matrices con debuxos de pequena escala tipo mosaico e levarase a cabo a explanación de xardíns, así como a acometida da instalación eléctrica, segundo o proxecto elaborado polo técnico municipal de parques e xardíns. O obxectivo e crear un novo punto de encontro para a convivencia veciñal, no que terá un especial protagonismo o chafariz, con decoracións cerámicas que representan lavandeiras e sereas, cedida pola Deputación Provincial”, indicou Santos Ramos.

O executivo local procedía esta mañá á autorizar a intervención dando o visto bo tamén ao prego de cláusulas administrativas así como ao gasto que vai supoñer esta nova zona verde da cidade.

Ademais, na reunión desta semana, o equipo de goberno aprobaba a concesión da licenza para a reestruturación maioritaria dos inmobles número 6 da Travesía do Miño e número 17 da Tinería, para incorporalos ás instalacións do hotel Monumento Pazo de Orbán que solicitaba, ademais, o cambio de uso destas edificacións do residencial preexistente ao hoteleiro.

A reforma, que ten un orzamento de 548,363’21 euros ten un prazo de execución de ano e medio.

Audio

  • Álvaro Santos, sobre a instalación da “Fonte das Lavandeiras” na Piringalla | Descargar mp3

Noticias relacionadas