A área de Medio Ambiente reforza dende hoxe os traballos de roza nas parcelas municipais

Ao dispositivo habitual, que estes días concentrará o seu labor nos colexios electorais e na zona de Albeiros, se incorpora agora un novo tractor que, coa axuda de dous operarios, limparán os soares do Concello

O edil Álvaro Santos sinala que logo de retirar a maleza nos terreos públicos de San Fiz, a brigada continuará o seu labor en Montirón, Casás e o Castiñeiro

Luns, 06 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Medio Ambiente reforza dende hoxe os traballos de roza nas parcelas municipais

A área de Medio Ambiente reforzará, dende hoxe, os traballos de roza nas parcelas municipais.

O edil Álvaro Santos sinalou que, ao dispositivo habitual que o servizo de limpeza desenvolve durante todo o ano, engádese agora un novo tractor que, coa axuda de dous operarios, posibilitará a súa actuación simultánea en varios puntos da capital.

“As tarefas a desenvolver pola empresa contratada xa foron planificadas e coordinadas para complementarse de maneira que, esta mesma xornada, comezaban a operar nos soares de San Fiz, desprazándose proximamente ao barrio de Montirón, as baixadas ao río Rato e, finalmente, a Casás e o Castiñeiro”, indicou o concelleiro.

O responsable de Medio Ambiente aclarou que, nestas ubicacións, se intervirá primeiro coa maquinaria externa e logo o persoal municipal completará o acondicionamento do perímetro dos predios, “de forma que as brigadas no cheguen nunca a coincidir para evitar riscos”.

Santos Ramos encadrou esta licitación na necesidade de atallar canto antes o crecemento exponencial da maleza nos terreos públicos durante a primavera. “Un cometido que non se puido asumir antes polas limitacións impostas polo COVID que obrigou a concentrar todos os esforzos da concesionaria do aseo urbano na desifección intensiva da cidade e mantivo paralizados, durante tres meses, os prazos administrativos”.

O edil lembrou que o Concello efectúa un mantemento permanente, de luns a sábado, sobre as zonas verdes e os espazos que son da súa titularidade para ter baixo control a vexetación, “tarefas que se repiten varias veces nas mesmas contornas durante o ano, segundo as condicións climatolóxicas, e entre as que procuramos dar cobertura tamén ás demandas que, a través do departamento de Medio Ambiente, nos fai chegar a cidadanía”.

Así, Álvaro Santos relata que nas últimas semanas o operativo de roza, que actualmente se atopa acondicionando a contorna dos colexios electorais, pasou pola Cheda, Paradai, Aceña de Olga, Augas Férreas, Avenida de Madrid, Volta da Viña e seguirá polo barrio de Albeiros, As Croas, a Piringalla e as baixadas ata a N- VI. “Ademais – concluíu o concelleiro - neste primeiro fin de semana de xullo quedou limpa tamén a Rolda da Muralla”.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre o reforzo de roza e limpeza nos soares | Descargar mp3

Noticias relacionadas