A medida trata de poñer freo aos ataques sufridos nos últimos meses cando varias persoas accederon ás dependencias públicas provocando importantes danos nos recintos e nas máquinas expendedoras

O concelleiro de Deportes Miguel Fernández, anunciaba esta mañá que, nos próximos días, comezarán a instalarse cámaras de vixilancia nas instalacións deportivas municipais.
Unha medida, explicou, coa que “tratamos de disuadir, cando menos, e de poñer freo aos ataques sufridos nos últimos meses en varios polideportivos da cidade que remataron con importantes danos nos inmobles e tamén nas máquinas de vending”, lembrou Fernández.
O último destes incidentes tivo lugar o pasado 30 de novembro no que resultaron afectadas tres expendedoras do Pavillón Municipal dos Deportes, dúas nos polideportivos do Pombal e Daniel Cordido e outras dúas no campo de fútbol das Gándaras.
“Durante as vindeiras xornadas comezarán a desenvolverse os traballos de montaxe dos sistemas de seguridade - que irán conectados á central receptora de alarmas dende a que se dará aviso á Policía - e aos que recorremos para evitar que persistan este tipo de condutas delitivas que ademais dun prexuízo para os usuarios dos centros implican perdas económicas para a empresa que explota a ocupación de dominio público das referidas máquinas. Precisamente, esta mañá autorizábase, en Xunta de Goberno, a retirada temporal das mesmas, como unha medida expcepcional, para poder reparalas. Será só mentres se instala a videovixilancia, un tempo non superior a un mes, durante o cal se realizará tamén a redución prorrateada, do canon que abonan ao Concello (661€ anuais por cada unha)”, abondou o edil.
Dentro aínda da área de Deportes, o seu responsable trasladou tamén que hoxe acordouse ampliar, ata o 29 de febreiro, a data para xustificar as subvencións, correspondentes ao 2019, tanto nominativas como ás persoas xurídico – privadas que desenvolven actuacións neste eido e para a promoción e o fomento da actividade física.
Audio
- O concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, sobre a vixilancia nas instalacións deportivas | Descargar mp3