A área de Benestar concede unha trintena de subvencións nominativas a entidades sociais, por un importe de 253.957 €

A edil Olga López Racamonde destaca, ademais do calado da partida, o dos proxectos presentados polos colectivos entre os que se atopan actuacións con persoas sen fogar ou a estimulación cognitiva de doentes con demencias “un labor indispensable na nosa cidade, que complementa a asistencia prestada dende as administracións”

Mércores, 23 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar concede unha trintena de subvencións nominativas a entidades sociais, por un importe de 253.957 €

A área de Benestar traladaba hoxe á Xunta de Goberno local a concesión directa das subvencións nominativas, así como a aprobación dos convenios que o Concello de Lugo mantén coas entidades que desenvolven a súa actividade no eido dos Servizos Sociais.

“Unha partida que alcanza os 253.957’64 euros e que resulta tan significativa como a relevancia dos proxectos que se levan a cabo ao amparo destas achegas”, salientou Olga López Racamonde.

A edil destacou a valía do traballo realizado pola asociacións locais ao que definiu como “o complemento indispensable ás prestacións públicas das diferentes administracións no que ten que ver coa atención primaria no municipio”.

Así subliñou a importante tarefa que desempeñan estes colectivos en cuestións tan transcendentais como pode ser o mantemento do piso de acollida de inmigrantes e emigrantes retornados así como outras actuacións específicas en transeúntes e persoas sen fogar, o apoio e rehabilitación para enfermos mentais, o fomento da autonomía persoal para a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables, a estimulación cognitiva para doentes de alzheimer, o servizo de intérprete en lingua de signos, o acollemento estival de menores afectados pola radiación de Chernobyl e mesmo o mantemento dos taxis adaptados para persoas con diversidade funcional.

“En total, máis dunha trintena de entidades e persoas físicas que realizan un labor fundamental que beneficia a toda a poboación lucense e que, dende a área de Benestar, animamos a continuar”, referiu Olga Racamonde.

Noutra orde de cousas, na reunión da Xunta de Goberno desta semana foron aprobadas catro licenzas urbanísticas, para a instalación dun ascensor nun inmoble sito na Ronda da Muralla, para a reforma dunha casa unifamiliar na parroquia de Carballido, así como a construción doutra vivenda na rúa Aturuxo e a rehabilitación dun envolvente nun edificio da rúa Cambria.

Audio

  • O edil Miguel Fernández, sobre as subvencións nominativas a entidades sociais | Descargar mp3

Noticias relacionadas