Ana Abelleira presenta a programación de Xuventude para o primeiro semestre do ano

As actividades, coas que se pretende pular por unha mocidade activa, se desenvolverán, debido ás circunstancias sanitarias actuais, de xeito telemático

Entre as principais novidades inclúese un taller de microespazos audiovisuais, un curso de timelapse ou un obradorio de upcycling

O éxito acadado na anterior edición mantén o ciclo de masterclass online de nutrición e tamén os cursos de pilates, ioga, aerobic latino, costura creativa, cociña e a preparación do First

Xoves, 04 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ana Abelleira presenta a programación de Xuventude para o primeiro semestre do ano

A área de Xuventude, que dirixe Ana González Abelleira, preparou para o primeiro semestre do ano unha nova programación, dirixida á mocidade activa de Lugo de entre 14 e 35 anos. Dadas as circunstancias sanitarias actuais, esta programación, pasará a desenvolverse integramente de xeito telemático, podendo retomarse, algunha das actividades, de modo presencial en canto a situación reverta.

Entre as propostas que se porán en marcha de febreiro a xuño figuran moitas modalidades deportivas co obxecto de seguir dinamizando o lecer xuvenil de forma saudable.

“Así, manteremos as clases de pilates, ioga ou aerobic latino aínda que tamén lle daremos continuade a outras alternativas que gozan de gran éxito como é a costura creativa ou a preparación do First”, explicou a concelleira.

“Incluiremos tamén algunha novidade, en base aos resultados da enquisa realizada entre as e os participantes da edición anterior co fin de que nos trasladaran as súas preferencias. E, nese senso, logo de atender ás súas peticións, incorporaremos un taller de microespazos audiovisuais, un curso de timelapse (unha técnica de cámara rápida) e fotografía, que xa se realizou nos últimos meses do ano 2020”, abondou González Abelleira.

Nesta primeira metade do ano tamén haberá espazo para obradoiros de Upcycling, coñecido como supra-reciclaxe ou reciclaxe creativa, e mesmo de cociña, que ao longo dos videiros meses estarán dirixidos a afondar no recetario galego, despois de ter repasado xa a gastornomía hindú, ceutí, mexicana, vietnamita ou do norte de África, entre outras rexións.

Xuventude ampliará igualmente a oferta lúdica para a rapazada da cidade en datas sinaladas como o Entroido ou o Día da Muller e ultima, alén, outras actividades de índole máis formativa, como linguaxe de signos ou seguridade viaria en vehículos de mobilidade persoal, que anunciará proximamente. Tamén traballa nas rutas a pé, tan demandadas pola mocidade luguesa.

Ademais, en vista do éxito que acadou o pasado ano, Ana Abelleira anunciou que continuará o ciclo de masterclass online de nutrición.

“Será os segundos mércores de cada mes, dende marzo a xuño, ás 20:00 horas nas redes sociais oficiais de Xuventude e nelas abordaranse temas como a alimentación vexetariana e vegana, menús semais para estudantes, como cociñar sano e barato ou se é necesaria ou non a suplementación en canto á alimentación e deporte”, sinalou a edil.

Asesorías xuvenís

Pola súa banda, as asesorías xuvenís manterán o horario no que se viña ofrecendo este servizo. A de tipo xurídico terá lugar os luns e mércores de 19:30 a 21:00 horas, para temas administrativos, civís, penais ou laborais; e a psicolóxica, os martes e xoves, de 18:00 a 20:00 horas.

Os encontros, que xa se estaban a realizar en liña, a través da plataforma gratuíta Google Meet, celebraranse en sesións individuais de máximo 30 minutos de duración. Para participar será necesario solicitar cita previa enviando un email ao enderezo:   asesoriavirtual.concellodelugo@gmail.com

Neste correo as mozas e mozos interesados deberán achegar os seus datos persoais (nome, apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono de contacto) así como un consentimento expreso para compartir imaxe en vivo co Concello. A continuación recibirán unha confirmación co día e a hora da asesoría. Así mesmo, 15 minutos antes de que teña lugar o encontro online, os participantes recibirán no seu email un código para introducir na plataforma Google Meet co que acceder á reunión.

Este servizo de escoita, información, apoio e orientación é de balde e nel garántese a confidencialidade e a intimidade das persoas usuarias.

Audio

  • A edil de Xuventude, Ana González Abelleira, sobre o convite de participación a mocidade activa | Descargar mp3
  • A edil de Xuventude, Ana González Abelleira, sobre as novas actividades de Xuventude | Descargar mp3

Noticias relacionadas