Paula Alvarellos designará ao que ocupou este cargo en comisión de servizos polo seu amplo coñecemento dos contratos en vigor así como da dinámica do departamento.
A rexedora sostén que “o nomeamento baséase na súa experiencia e competencia técnica, pero tamén na procura dunha xestión eficaz e eficiente para avanzar no compromiso deste Concello coa sostenibilidade e a mellora do noso entorno”.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, reforzará a área de Medio Ambiente do Concello de Lugo co nomeamento como novo xefe de servizo de Miguel Negral Fernández, que ocupou durante dous anos este posto en comisión de servizo e de quen se tivo en conta o seu amplo coñecemento dos contratos en vigor, entre as que se inclúen algunhas das licitacións de maior importe do Concello, así como dos procedementos administrativos e as dinámicas propias deste departamento, alleas para os outros catro aspirantes. A rexedora municipal precisou que “se optou por Miguel Negral fronte ao outro candidato, pola súa experiencia, competencia técnica, habilidades de liderazgo e compromiso coa comunidade, nunha procura non só da xestión eficaz e eficiente do Servizo de Medio Ambiente do Concello de Lugo, senón tamén no reforzo do compromiso do concello coa sostenibilidade e a mellora do entorno local”.
Neste proceso de selección, tres dos cinco candidatos, descartáronse ben por non cumprir os requisitos da convocatoria, por ser funcionaria do grupo A, subgrupo A2, ou ben polo grao e nivel de formación, fronte aos dos candidatos seleccionados finalmente. Ambos acreditaban unha formación académica sólida e un coñecemento especializado en áreas críticas e vinculadas ao medio ambiente, ademais dunha dilatada carreira profesional de máis de 20 anos de experiencia, iniciándose os dous como funcionarios de carreira no ano 2001.
Á hora designar a Miguel Negral como novo xefe de servizo de Medio Ambiente pesou o feito de que toda a súa traxectoria profesional desempeñouna nesta área, polo que conta con acreditada experiencia no ámbito da xestión ambiental, na xestión de proxectos medioambientais para a conservación, protección e mellora da calidade medioambiental, e na dotación de infraestruturas de abastecemento e saneamento tanto na zona urbana como nos núcleos rurais da cidade. Pola contra, a outra persoa seleccionada, contaba cos mesmos anos de experiencia, pero no departamento de Urbanismo e Réxime Interior, desempeñando traballo no departamento de Medio Ambiente nun concello de 25.000 habitantes, o que cambia a dinámica e a xestión fronte a un municipio como o de Lugo, que supera os 100.000 habitantes.
Ademais se tivo en conta que exerceu previamente como xefe de servizo en comisión de servizos durante dous anos, polo que conta tamén con capacidade organizativa demostrable dos recursos humanos dos que dispón para facer fronte á carga laboral que se asume dende a área de Medio Ambiente.

