A alcaldesa Lara Méndez anuncia a creación de 120 prazas de estacionamento na contorna da nova senda verde ciclista

A rexedora lucense avanzou que o investimento será de 208.300 euros, que se sumará aos 1,2 millóns das obras do carril bicil, de 14 quilómetros, “que cambiará a mobilidade de 8 barrios”

A licitación de dous novos aparcadoiros alternativos, públicos e gratuítos, en Ramón Piñeiro e Francisco Lamas López, aprobaranse mañá en Xunta de Goberno. Son 69 prazas, 7 adaptadas

Ademais, gañaranse 51 novas prazas en Río Mandeo, Rúa do Pomar, Ronda do Carmen e Rúa Amizade co repintado dos espazos en batería

Martes, 13 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa Lara Méndez anuncia a creación de 120 prazas de estacionamento na contorna da nova senda verde ciclista

O Goberno de Lara Méndez anunciou hoxe que a licitación dos dous aparcamentos alternativos, públicos e gratuítos, que xa anunciara na presentación da construción dos 14 quilómetros da senda verde ciclista, irán mañá a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación. A licitación das obras, que contarán cun orzamento de 208.300 euros, terán un prazo máximo de execución de dez semanas.

Con estes dous aparcadoiros crearanse 69 novas prazas, que chegarán ata as 120 xa que se sumarán ás 51 que se habilitarán co repintado en batería dos espazos nas rúas Mandeo, Pomar, Amizade e Ronda do Carmen.

Segundo explicou hoxe a alcaldesa en rolda de prensa, “estes traballos veñen a complementar o proxecto que xa temos en marcha para a creación da nova senda ciclista verde, coa que buscamos un cambio cara unha mobilidade máis sostible en 8 barrios da cidade, enmarcados na zona DUSI, que significará transformar a cidade e impulsar un novo modelo de urbe máis sostible e saudable, reducindo o tráfico rodado e polo tanto, reducindo os ruídos e as emisións de gases contaminantes.

“No deseño do novo carril bici procurouse a menor eliminación de prazas de aparcamento posible, especialmente en zonas máis vulnerables onde hai vivendas sen garaxe propio. Con todo, e para facilitar o estacionamento de vehículos na vía pública, mañá aprobaremos a construción de dous novos aparcamentos alternativos, que se ubicarán en dúas parcelas municipais nos barrios de A Residencia e Castiñeiro”, explicou Lara Méndez.

O novo parking da rúa Alcalde Francisco Lamas López, levarase a cabo nunha parcela de 529 m2, e contará con 16 prazas, das cales dúas serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida; mentres que o aparcamento que se ubicará entre as rúas Ramón Piñeiro e Ramón Beberide, construirase nunha parcela de 1.859 m2, e disporá de 53 prazas, incluíndo 5 adaptadas. Ambas parcelas atópanse actualmente sen uso, e serán habilitadas para o estacionamento público e gratuíto.

Os traballos incluirán a pavimentación do chan, a instalación dun sistema de drenaxe que evite a formación de charcos, a renovación da iluminación, a instalación de sinalización horizontal e vertical, e a colocación dos valos perimetrais que delimitarán os recintos.

O aparcadoiro de Alcalde Francisco Lamas López contará cun acceso peonil e un acceso para vehículos nos extremos opostos da fronte da parcela. Ademais, a existencia de construcións ao nivel actual de terras nos lindes norte e leste desta parcela, obrigará á realización dun muro de contención. A altura do muro será de 3 metros sobre a cimentación cun espesor de 40 cm.

Así mesmo, o aparcadoiro de Ramón Piñeiro, terá tamén dúas ramplas de acceso, unha peonil adaptada de 2 metros de ancho, e unha rampla de acceso de vehículos de 8 metros de ancho.

O novo carril bici, adxudicado por 1,2 millóns

A senda verde ciclista terá unha lonxitude de 14 quilómetros e percorrerá o Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real. O proxecto foi adxudicado por 1,2 millóns de euros á empresa Taboada y Ramos S.L., que presentou a oferta máis vantaxosa. As obras terán un prazo máximo de execución de seis meses.

No deseño do percorrido primou a comodidade; a cohesión interna, e tamén con outras redes como a do transporte urbano; a rectitude, tanto en distancia como en tempo (buscando o traxecto máis curto) e o atractivo da ruta. Pero especialmente primou a seguridade, do ciclista e tamén dos peóns, combinando carrís segregados de tráfico nas rúas con maior ancho, con viarios de coexistencia, onde a velocidade máxima dos vehículos se reducirá ao 20%.

Este proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, posta en marcha pola rexedora, co fin de unir a trama urbana da cidade co río Miño, e cofinanciada ao 80% por fondos FEDER. Unha vez finalice a súa construción o executivo municipal porá en marcha campañas de promoción e concienciación do uso da bicicleta, co fin de avanzar cara unha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio ambiente.

Aparcadoiros alternativos

O Goberno de Lara Méndez construíu ao longo do seu mandato nove aparcadoiros alternativos na cidade, creando preto de 600 prazas, 336 no aparcadoiro do HULA.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o proxecto dos aparcamentos disuasorios | Descargar mp3

Multimedia

  • A alcaldesa Lara Méndez anuncia a creación de 120 prazas de estacionamento na contorna da nova senda verde ciclista
  • A alcaldesa Lara Méndez anuncia a creación de 120 prazas de estacionamento na contorna da nova senda verde ciclista

Noticias relacionadas