“Queremos conciliar o lexítimo dereito á mobilización por un prezo xusto do leite, algo que compartimos, co normal funcionamento da cidade e coa súa actividade económica nunhas datas que sabemos moi importantes para o comercio”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fai un seguimento diario da concentración de tractores organizada na Ronda da Muralla por gandeiros da provincia en reivindicación dun prezo xusto para o leite co fin de, máis aló do plan de tráfico activado onte con motivo da entrada dos vehículos na cidade, “tomar día a día todas as medidas necesarias para garantir a seguridade dos peóns e os conductores, e a fluidez da circulación, sobre todo nas horas punta”.
Con este obxectivo, e a maiores do contacto permanente que manteñen, na mañá deste venres a rexedora reuniuse no consistorio co Xefe da Policía Local, Manuel Novo. “Queremos conciliar o lexítimo dereito á mobilización dun sector fundamental para a nosa provincia e o noso municipio por unhas reivindicacións que nós compartimos, co normal funcionamento da cidade e coa súa actividade económica, sobre todo comercial, pois somos conscientes de que estamos nunhas datas moi importantes para este sector”, explicou a Alcaldesa.
Neste senso, Lara Méndez pediu a colaboración cidadá para que busquen percorridos alternativos á Ronda, ademais de facer un chamamento para que “veciños e visitantes veñan á nosa cidade, merquen e gocen do Nadal e do cento de actividades socioculturais e de lecer que organizamos para estas datas porque a circulación está garantida”.